O C.X. Fontecarmoa traslada o seu tradicional Torneo Social á Praza da Peixeiría

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Preto dun cento de xogadores do club, de 6 a 87 anos, participaron na recuperada proba coa que a entidade prologa cada temporada, logo do parón pola pandemia

24 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras un ano de hibernación da maior parte da actividade do club a causa da pandemia, o Club Xadrez Fontecarmoa iniciou onte o camiño da volta á normalidade. Fíxoo recuperando a súa tradición de prologar a nova tempada co seu Torneo Social. Unha cita na que se miden todos os xogadores do club que desexan participar nela.

Nesta ocasión, foron case un cento os asistentes. Entre eles, a maior parte dos xadrecistas de alto nivel da entidade, incluídos todos os que disputaban unhas semanas atrás o Campionato de España por Equipos de Primeira División. Dous Mestres Internacionais e outros tantos Mestres FIDE competiron en xornada de mañá e de tarde, no que para moitos dos xogadores foi o reencontro tras tempada e media sen Liga en Galicia.

Por todo o anterior, o Club Xadrez Fontecarmoa decidiu cambiar nesta ocasión a Casa da Xuventude, tradicional escenario do seu Torneo Social, pola Praza da Peixeiría, que por ser aberta, permitiu a presenza de público.