Javi Camino: «Jacinto é unha película que se pon do lado da xente da Galicia profunda»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O santiagués encheu onte a sala de proxección do Curtas coa súa longametraxe

09 nov 2021 . Actualizado a las 20:43 h.

As entradas para ver o pase de Jacinto, onte ás dez da noite no Salón García, voaron practicamente ao pouco de ser postas a disposición do respectable pola organización do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa. Horas antes, a media tarde, o seu director, guionista e montador, Javi Camino (Santiago de Compostela, 1982), mantivo un encontro con afeccionados na sala de conferencias do Auditorio. Jacinto chegou ao certame da capital arousá precedido nas dúas últimas semanas polo Premio do Público da sección Panorama do Festival de Cine de Sitges e, este mesmo xoves, polo Premio do Xurado da sección Dark Matters do Festival de Austin (EE.UU). Falamos con Javi Camino xusto antes de coller o tren de Santiago a Vilagarcía.  

-Jacinto chega ao Curtas precedido de cadanseu premio en dous grandes festivais coma Sitges e Austin… ¿Sorprendido?

-A verdade é que está indo guai. A verdade é que si, foi unha sorpresa. Son festivais tan grandes, o de Austin cun xurado formado por guionistas, que non contabamos con ser premiados. O premio era estar alí.

-En Vilagarcía esgotou as entradas para o seu pase practicamente nada máis poñerse a disposición do público a dúas semanas do certame. ¿Cal é o segredo de Jacinto?

-Creo que é unha peli moi, moi honesta. Inda que tamén é unha peli moi cínica, ten moita tenrura. Con crítica social, pero ao mesmo tempo os personaxes chéganlle ao público. Os personaxes son a clave, polo que nos di a xente. Pedro Brandariz -o actor que fai o papel do protagonista- ten moito carisma. Todo o reparto. Esa mestura de carisma e que os personaxes están ben elaborados son a clave.

-Nestes tempos de polémica hai quen dirá que o seu é debuxar a Galicia profunda...

-[Gargallada]. Tal cal! Xusto coincidiu a peli con esa polémica. A peli vai por aí. É unha peli de terror rural, un tipo de película que se fai aquí e nos Estados Unidos. Explota ese rollo. Nada novo. Un retrato grotesco, valleinclanesco. Non é unha crítica á Galicia profunda. Amósase desde o punto de vista do xénero de terror, pero con cariño. A min divírteme. Prefiro a Galicia profunda á da cidade. A película, de feito, ponse máis do lado da xente da aldea que da que vén de fóra do mundo urbanita.

-Seica estudou psicoloxía e xornalismo. As súas preferencias académicas falan dalguén interesado nos porqués dos comportamentos das persoas. Foi iso o que o levou ao cine?

-O interese polo cine foi antes que o interese pola psicoloxía. Meu pai vía moitas pelis na casa, collíaas no videoclub, era moi cinéfilo; e eu tamén. Eu coleccionaba pelis de cine fantástico e de terror.

-¿Por que?

-Ás veces fágome esa pregunta. Sempre tiven atracción por ese rollo macabro. Gústame o susto, a comedia negra. Na vida miña real non son para nada macabro.

-Fala de Jacinto como a súa primeira película profesional. Con todo, desde a súa estrea coa curta «La consulta del doctor Natalio», no 2004, leva feito vostede de todo no audiovisual: curtas, outra longametraxe, unha webserie, unha serie para televisión, un documental, videoclips para grupos para máis dunha ducia de bandas coma Novedades Carminha ou Triángulo de Amor Bizarro. ¿É «Jacinto» o inicio do nó da historia de Javi Camino no mundo do cine profesional?

-Oxalá! Esperemos que si [rise]. Fixen un longo hai moito, pero moi amateur -«Maldito Bastardo», no 2008-. Esta foi a primeira vez na que me puxen a rodar cun equipo, de forma profesional, cinco semanas. Oxallá que si, que sexa o principio dunha carreira.

-Director, guionista e montador de «Jacinto». Tres nun. Que faceta lle gusta máis? Con cal delas se quedaría?

-Cando hai poucos cartos, hai que facer un pouco de todo. A min o que máis me gusta é a dirección, porque é o que engloba todo; tamén o guion. Gustaríame seguir compaxinando estas dúas cousas, porque así controlas mellor as túas historias. E iso é o que me gusta, contar historias.

-O audiovisual galego semella estar de moda. E a súa é unha mirada singular non só en Galicia. Algunha chamada inesperada dos grandes despachos do sector nas últimas semanas?

-Non. De momento inda non. Inda estou esperando, a ver se ocorre. Algunha proposta, pero nada serio. Realmente inda estreamos hai un par de semanas, en Sitges.

-Algún novo proxecto en mente?

-Si. Teño varios. Entre eles, unha posible secuela de Jacinto. Haberá que facer franquicia [di poñendo o punto final á frase cunha gargallada]..