En paralelo, Vilalonga e Céltiga recuperaron no medio desta semana dous partidos adiados antes do Nadal
07 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Comité de Competición e Disciplina da Real Federación Galega de Fútbol está a ter esta semana traballo extra. Ata por dúas veces tivo que reunirse de maneira extraordinaria para proceder ao aprazamento dunha morea de partidos da Preferente Galicia e da Liga Galega Feminina. A razón, a multitude de contaxios entre os deportistas dunha boa parte dos conxuntos en competición. Unha realidade que non deixa de reflectir o extraordinario nivel de transmisibilidade que a variante ómicron do covid-19 manifesta no conxunto da sociedade.
O estado de cousas neste momento chega mesmo ás categorías nacionais. Co Umia C.F. conseguindo o aprazamento do partido no que o domingo debía retomar a Liga de Primeira Nacional e iniciar a segunda volta logo dun mes de parón, no campo do pechacancelas, o Villestro. O motivo, a presenza no cadro de xogadoras ribadumiense de cinco infectadas, ás que se suman catro máis no segundo equipo e outras dúas do cadete. Todas elas evolucionan con síntomas de gripe.
Tamén no balompé feminino, Competición e Disciplina da RFGF acordou o martes adiar o duelo deste domingo entre o Atlético Arousana e o Lóstrego, segundo e primeiro clasificados do Grupo B da Liga Galega Feminina. Cinco son as contaxiadas por covid-19 nas filas do equipo vilagarcián.
Na Preferente, no tocante aos equipos arousáns, o órgano competente da Federación Galega acordou o mércores pospoñer a metade dos partidos da decimoterceira xornada de Liga do Subgrupo 2B desta fin de semana. Concretamente, o Sanxenxo-Ribadumia, Umia-Cambados e Gran Peña-Vilalonga, por contaxios en todos eles agás no Sanxenxo e no Vilalonga. Pola mesma razón volveuse adiar o encontro entre Portonovo e Cambados da xornada 11, reprogramado do 12 de decembro a onte.
Os que si se puideron disputar esta semana foron dous partidos aprazados. O do Vilalonga e Beluso da xornada 12, con vitoria do líder celeste na noite do martes que o devolve ao liderado na estrea do dianteiro brasileiro Charles de Souza como gran fichaxe invernal en San Pedro. E onte pola mañá o Céltiga-Sanxenxo, cunha trepidante vitoria illense por 3-2 en partido correspondente á xornada 11.