Do deus Devero, arousán

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

AROUSA

MARTINA MISER

En San Vicente, contruíuse en pedra unha réplica da moeda de Adro Vello, a orixinal permanece deslocalizada

07 feb 2022 . Actualizado a las 20:17 h.

Os expedientes para a declaración dun Ben de Interese Cultural son especiais. Requiren un estudio previo por parte dos técnicos da Administración que ademais, con anterioridade á publicación da incoación, teñen que sometelo ao parecer de institucións especializadas porque se esixe un mínimo de dous informes favorables. No caso de Adro Vello pronunciáronse a favor o Consello da Cultura Galega, a Universidade de Vigo e a Real Academia de Belas Artes.

Este tipo de decisións amosan, xeralmente, unha extraordinaria solvencia. Conforme ao anuncio do Conselleiro de Cultura dando conta desta incoación, Patrimonio, podendo declarar esa zona como sitio histórico, xacemento arqueolóxico, área arqueolóxica, conxunto histórico —que é o que pedía o Club Náutico de San Vicente— ou territorio histórico, optou por Área Arqueolóxica, posiblemente pensando no que aínda queda por descubrir, tanto en terra como na zona subacuática. Parece unha elección acertada e de futuro, en canto non se limita só ao xacemento de Adro Vello, senón que abarca case un quilómetro de ribeira desde os Castriños ata A Barcela, onde se acumulan castros, fábricas de salga, espazos por investigar nos que pode aparecer unha urbe, salinas, un vello porto e achados calcolíticos, que xustifican esa escolla tamén con vistas ao interese turístico. Outra das razóns pola que parece adecuada a categoría de Área Arqueolóxica é a de que as escavacións previas, realizadas exclusivamente no xacemento, permiten intuír que o futuro estudio dará lugar a novos grandes descubrimentos.

En corenta e oito horas leremos con suma atención o que nos diga o Diario Oficial de Galicia. Entre as extraordinarias descubertas móbeis feitas nunhas estruturas das épocas romana, sueva e medieval, destaca a única moeda da Traslatio, do século XII, que actualmente está descontextualizada no Museo das Peregrinacións. Realmente é unha casualidade afortunada que se atopase nas inmediacións dos Castriños, o primeiro lugar habitado da Ría de Arousa e que, polo tanto, no século I debeu ver navegar a barca do Apóstolo rumbo Santiago. Outro achado, unha cruz de bronce sueva encontrada na ábsida da igrexa, idéntica a outras descubertas en Muxía e no Monte de Saint Michel na Bretaña, non sei onde está agora. Na Alta Idade Media a igrexa de Adro Vello tivo que ter gran importancia, pola súa situación estratéxica ou por causas sen estudar, porque foi obxecto de sucesivas doazóns. Nunha de 912 do rei Ordoño II, dise que a igrexa está custodiada por pedras erguidas e escritas —et est isa ecclesia cautata per petras erectas et escritas—, e o Padre Sarmiento tamén recolleu a testemuña de que «no cemiterio hai media ducia de caracteres clarísimos que non sei a que idioma pertencen». Por agora localizouse no muro Norte da igrexa, a rentes do altar, o 28 de agosto de 1972, a pedra votiva do deus Devero tronzada en dúas partes, unha con decoración e outra, duns 50 por 25 centímetros, cunha inscrición. Un descubrimento senlleiro. Segundo o profesor Carro Otero, a parte superior está ornamentada coas portas do Hades, como outras pedras votivas aparecidas en Noia, Catoira, Rianxo, Padrón ou Vigo. Na inferior, mutilada para adaptala á parede, figuran as letras DEO DEVER. A hipótese formulada polo doutor Carro (Ara con nuevo teónimo indígena en San Vicente de O Grove, Museo de Pontevedra XXX, 1976), estudando a orixe lingüística da inscrición, foi a de que se trataba da denominación dun deus mariño, a xeito dun Neptuno grovense. Tamén podería ser un lar vial ou un topónimo, quizá na mesma lingua que Grove, como intúe J. F. Vidal Iglesias. Esta ara, deslocalizada, está depositada na Facultade de Medicina. Só con xuntar estes bens, e co que alí queda, un Museo no lugar converteríase nunha institución sobranceira. Vale a pena loitar por el.