De que mo expliquen

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Martina Miser

Non sei por que sobe o combustible ou a luz porque se pode producir o mesmo e nin hai máius consumo que antes da pandemia

13 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei por que sobe o combustible, nin a luz: pódese producir o mesmo e non hai nin máis nin menos consumo que o que había antes da pandemia. Tampouco me parece claro botar a culpa ás guerras, porque o certo é que desde o ano pasado —antes da invasión rusa en Ucraína—, os consumidores xa sufriamos unha inflación desbocada de arredor dun 7 %. Ademais, este incremento de prezos implica maior beneficio para os Estados porque, por exemplo en España, o diésel ten un gravame do 45 %, claramente inxusto porque nin transportistas, nin traballadores que teñen que desprazarse en vehículo particular, acoden ás gasolineiras para viaxes de pracer, senón para poderen manterse como contribuíntes. Por outra banda, se a produción e o consumo permanecen estables, non vexo outra causa que a de que a actividade financeira mundial, dona dos recursos, aproveita calquera ocasión para reafirmarse na súa relixión de que os consumidores finais xeren inmensos beneficios para ela. Bótaselle a culpa á OPEP, pero sobre todo á influencia da guerra, da decepción humana da guerra, pero tampouco me parece que aí estea toda a causa. Por dúas razóns que seguramente son demasiado básicas. A primeira porque hai 65 guerras activas nun total mundial de 194 Estados; estes conflitos, preexistían —incluso a interior de Ucraína— á invasión rusa. Tristemente, as guerras, que son o xeito de explotación máis desalmado e cruel, clasifícanse segundo o número de mortos e denomínanse grandes guerras as de máis de 10.000 falecidos por ano, como a do Donbás e a actual invasión rusa, ás que se poden engadir Afganistán, Iemen, Etiopía ou Birmania; guerras e conflitos con entre 1.000 e 9.999 mortos, como en Nixeria, Camerún, Níxer, Chad, Arxelia, Burkina-Fasso, Somalia, Malí, Congo e Uganda ou Irak; guerras pequenas como as de Paquistán, India, Filipinas, Exipto, Libia ou Indonesia que se nomean así cando non pasan dos 999 mortos ao ano e, por último, escaramuzas cuns cen mortos anuais: Irán e os kurdos, saharauís e Marrocos, cabindeños e Angola, mapuches e Chile e Arxentina, ou chechenos e Rusia. A segunda das razóns está en que, en todos eses lugares, os seres humanos botan man das armas e, polo tanto, vén habendo un só gañador real: a industria do armamento, que representa ó redor do 3 % do PIB mundial. A modo de exemplo Washington, Moscova, Pequín, París e Berlín venden máis da metade do armamento mundial; en España hai unhas 130 empresas de defensa e tres delas (Airbus Military, Navantia e Indra) están entre as 100 maiores compañías armamentísticas mundiais. Esas cen primeiras empresas venderon 531 mil millóns de dólares en 2020, crecendo con respecto ao ano anterior. Como calquera outro negocio, dispoñen de seccións de márketing e comerciais porque precisan consumidores e, evidentemente, por exemplo o noso Ministerio de Defensa, digo eu, terá que facer novos encargos para substituír os lanzacohetes fabricados en Zaragoza e enviados a Ucraína, o que será boa nova para tal fabricante. Así que non me parece completamente crible que sexa a guerra en si —tan lamentable e bárbara a de Rusia contra Ucraína, a previa do Donbás, e todas as demais— a causante da suba dos combustibles e da inflación que espreme aos cidadáns do común, que tamén son os que se matan nelas. Se é que puidera ser, alguén tería que explicarmo, porque tampouco é cousa daquilo de comungar con rodas de muíño, nin de deixar que se tapen as causas co balbordo dos canonazos. Do que si estou seguro é de que os beneficios económicos do gran capital globalizado, inversor nesas industrias, na produción de petróleo e en todo, sen patria nin conciencia, contribúen, incluso coa guerra como ferramenta, a máis mortes e sufrimento. Ganan na guerra, ganan na suba dos prezos, sempre vencen: a única finalidade son eses beneficios. Non me fagan moito caso; se cadra é que estou molesto por ter que pagar de máis por calquera cousa, sen saber a quen nin por que. Estarei anticuado.