Os dous equipos séniores do CLB xogarán a final a 6 polo ascenso, o feminino, como anfitrión

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

As de Javi Nogueira estrearán patrocinador, Trivium, que hoxe asina un acordo por dous años e medio co proxecto base vilagarcián

07 abr 2022 . Actualizado a las 21:34 h.

O proxecto de baloncesto base lanzado a pasada década polo Cortegada, BBC e a extinta sección do deporte da canastra do Liceo Casino vén de dar un novo paso adiante. Por primeira vez na súa curta historia, o CLB observa os seus dous equipos séniores, o Sigaltec masculino e o TVMAC feminino, en disposición de pelexar por rachar os seus teitos e subir unha planta desde as súas actuais oficinas na Primeira Autonómica, clasificados ambos os dous para as correspondentes fases de ascenso a 6. Na Estrada, o primeiro, no Pavillón Municipal de Fontecarmoa, o segundo; coa disputa dos seis primeiros partidos o sábado 23 e o sábado 30 a final polo título de campión —os seus dous aspirantes serán os que ascendan— e polo terceiro e cuarto postos.

O presidente do proxecto CLB, Isidoro Canabal, confirmou onte a concesión á entidade vilagarciá da organización da fase de ascenso á Primera División Femenina, a categoría xusto por debaixo da Liga Femenina 2 na que milita o Mariscos Antón Cortegada. Praza de anfitrión que suporá un desembolso de 900 euros, cifra semellante á que custarían os gastos de desprazamento a outra sede, explica Canabal. O TVMAC CLB, que dirixe tamén o adestrador do Mariscos Antón, Javi Nogueira, rematou segundo da segunda fase da Liga co mesmo balance de 4-2 có primeiro, o Baxi Ferrol B, e có terceiro, o Bosco Salesianos. O Maristas Coruña B será o seu primeiro rival na final a 6 de Fontecarmoa, na que estreará novo patrocinador.

Trátase de Trivium Packaging Ibérica, con fábrica en Meis e propiedade dunha multinacional de embalaxes metálicos. Isidoro Canabal explica que foi o director da fábrica meisina, David Valdés, quen se puxo en contacto co CLB: «Buscaban unha entidade da zona que traballara o deporte base e concordara cos valores da empresa. E nós, encantadísimos. Vennos ideal nestes tempos. É un patrocinio que non buscamos e co que non contabamos». Un acordo polo que resta desta temporada e as dúas seguintes e que cambiará o nome do sénior feminino e de cinco equipos da base feminina polo de Trivium CLB.

Pola súa banda, o Sigaltec CLB, terceiro de grupo na segunda fase da Primeira Autonómica Masculina, iniciará na mañá do día 23 a final a 6 polas dúas prazas de ascenso á EBA contra o Obradoiro C, segundo do outro grupo. Faráo na Estrada, co equipo anfitrión agardando esa mesma tarde por un dos dous no partido chave da final.

Os dous cadros do Xuven descenden, Meco e Dorna zafan

Outros catro equipos arousáns competiron esta temporada nas máximas categoría autonómicas masculina e feminina de baloncesto. Os catro, obrigados a pelexar na segunda fase das súas correspondentes ligas pola permanencia. O conxunto masculino do Meco e o feminino do Dorna da Illa conseguiron salvarse, os dous equipos do Xuven Cambados, pola contra, descenderon.