O BNG de Cambados dá luz verde para aprobar o martes o orzamento do 2022

b. c. CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O grupo nacionalista retoma as súas críticas polo convenio para financiar as obras do cemiterio de Vilariño

21 may 2022 . Actualizado a las 17:45 h.

Salvo sorpresa de última hora, o pleno de Cambados aprobará o orzamento do 2022 o vindeiro martes. O BNG decidiu dar o si ao documento logo de analizar a última proposta feita polo goberno local (PSOE-Somos). Non se atenden todas as súas demandas, pero as concesións feitas polo bipartito foron suficientes para acadar o apoio do grupo nacionalista, dous votos que resultan imprescindibles xa que o bipartito está en minoría na corporación.

Os 70.000 euros que pedía o Bloque en concepto de transferencias ás entidades culturais, deportivas e para festas populares quedáronse en algo menos da metade, pero isto non será un problema para sacar adiante o orzamento. Na súa última proposta, feita este mesmo sábado, o BNG solicita que se inclúan dúas obras con cargo ás contas deste ano, condición que o portavoz, Liso González, confía en que se teña en conta segundo o compromiso verbal adquirido por parte do goberno local.

Obras do cemiterio de Vilariño

Deste xeito, desaparece a ameaza da cuestión de confianza que planeaba sobre a alcaldía e elúdese o escenario que se viviu agora hai un ano por mor da falta de consenso sobre o orzamento. O que non se terminan son as críticas do BNG en relación ao convenio subscrito polo Concello cunha asociación veciñal para financiar as obras do cemiterio de Vilariño. O BNG volve pedirlle explicacións ao alcalde  logo de ter coñecemento de que os veciños están recibindo cartas do sindicato Unións Agrarias nas que lles reclaman o pago destas obras. Nalgún caso, esíxenlle 800 euros no prazo de dez días, afirman «Ao parecer, agora debe ser sufragada polos veciños, dado que a alternativa proposta polo alcalde, que a subvención se repartise entre os titulares dos nichos é, cando menos, irregular», explica o Bloque.

«Cando dende o BNG avisamos de que a obra, tal e como a anunciaba o alcalde, non era viable, este negouse a aclarar como pretendían canalizar o pago. Agora comprobamos que tiñamos razón e serán os veciños quen paguen a obra. Cabe preguntarse, tamén, que uso se lle darán aos 50.000 euros públicos outorgados a esa asociación», di o grupo da oposición. «Toda esta xestión foi, dende o comenzo, un despropósito. Mesmo así, chámanos a atención que sexa o sindicato agrícola do que forma parte o alcalde quen vaia esixindo o pago aos veciños. Pensamos que o alcalde debe, en primeiro lugar, deixar de agocharse tras este sindicato e, a continuación, dar as explicacións que leva meses eludindo».