De que hai que volver á aldea

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

AROUSA

Ana Garcia

Estas estruturas non provocaron ningunha perturbación do medio natural, e incluso foron beneficiosas para a formación do chan e para facelo produtivo

04 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Como saben os lectores desta columna, sonche, e exerzo, de aldea. Unha chulería como outra calquera. Di o Dicionario, demasiado asepticamente, que a aldea é un núcleo pequeno de poboación, de carácter rural e con poucos veciños. Non podo quitarlle a razón á Real Academia Galega, pero unha aldea é moitísimo máis. Jaime Izquierdo Vallina defínea como «unha estrutura urbana pensada e deseñada para xestionar ecosistemas que coa introdución da información e cultura humana converteunos nun agroecosistema máis diverso e complexo que o orixinal». Hai aldeas desde a primeira Revolución Neolítica, van alá uns nove mil anos, cando o ser humano pasou de ser nómade a sedentario e a practicar agricultura e gandaría. As aldeas non provocaron ningunha perturbación do medio natural, e incluso foron beneficiosas para a formación do chan e para facelo produtivo. A vida nelas foi o normal na maior parte da Historia ata que chegou a industrialización nos séculos XIX e XX —en Galicia moi tardiamente— que foi engordando as cidades. A Revolución Industrial iniciou a despoboación do campo coa xente emigrando para as cidades. En Galicia os foristas, que cobraban rendas aos labradores, transformáronse nos novos industriais das urbes e a man de obra que recibiron foi, precisamente, a que fuxía da labranza tamén para non pagar foros. Despois o franquismo, co seu autoritarismo estatal, provocou a ruptura definitiva entre aldea e cidade. Os aldeáns mantiñan o mundo rural vivo, e, ao írense a propia Natureza desfigurou a paisaxe creada por eles porque os poucos que quedaron ou desacordaron os coñecementos ou non podían poñelos en práctica. Matogueiras, salgueirais, toxeiras, silveiras, cando non acacias e eucaliptos foron estendendo un bosque que cubriu leiras e veigas de cultivo. A morte das aldeas produciuse pola emigración ás cidades, identificadas con ciencia, técnica e industria e porque a vida nelas foise asociando a pasado e atraso. Daba vergonza ser de aldea. Esqueceuse tamén a identidade propia que daba sermos dunha aldea porque, como dixo Ramón Villares, hoxe a «identidade é o contrapunto necesario fronte á globalización ou desterritorialización que caracteriza á sociedade actual». Despois, anos oitenta, apareceu un arremedo da chamada biocracia, cos seus proselitistas procedentes das cidades: funcionarios e técnicos supostos coñecedores e defensores da Natureza, da flora e da fauna, conservacionistas, que, ademais, empezaron a cambiar o nome das cousas e a substituír os topónimos dos agroecosistemas por denominacións como espazos naturais, zonas protexidas, espazo intermareal; e como consideraron que a Natureza era como a descubrían, entenderon que a protexían deixándoa tal como a atoparon, esquecéndose de que vían unha evolución penosa dunha previa paisaxe cultural. Non recoñeceron a cultura agraria de séculos e deron en ditar normas, chamadas de protección da Natureza, e en impor prohibicións e multas, sen caer na conta de que a biodiversidade mantivérase durante séculos grazas á perfecta simbiose do aldeán co territorio. Estes biócratas carecen de memoria sobre a verdadeira cultura campesiña á que ademais, menosprezan. E iso que eles mesmos predican agora con conceptos como biotecnoloxía, compost, conservación da biodiversidade, economía circular, fertilización orgánica, smart villages, ou agricultura ecolóxica, que era o que practicaron sabiamente desde sempre os nosos labradores. E que podemos facer agora, cando o modelo de cidade estase a esgotar?. Pois creemos un novo sistema económico local, é factible cunha política axeitada, no que sería fundamental a concentración —incluso a concertación— parcelaria —que gran desgraza a lentitude deses procesos, para os que ninguén reclama medios económicos!— ou unha aposta por cooperativas veciñais para pór en común os minifundios e reactivar a produción agroecolóxica local, que imitaría á Natureza en vez de explotala, combinando ecoloxía con economía local, sen ignorar aos teletraballadores, aos nómades dixitais, artistas, pequenos empresarios de turismo e hostalaría que terían que poder traballar desde a aldea e seguiren conectados ao resto do mundo. Reconfiguremos as aldeas, volvamos a elas para sermos nós mesmos no XXI.