Xuven, CB Vilagarcía e Marín, na segunda xornada do Memorial Araceli Oubiña

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A organización confía en elevar a recadación solidaria reunida o pasado domingo

30 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O salón de plenos do Concello de Cambados volveu servir de escenario para a presentación da primeira edición do Memorial Araceli Oubiña. Como xa adiantara o propio alcalde a semana anterior no anuncio do partido que o pasado domingo disputaron o CB Arxil e o Mariscos Antón Cortegada da Liga Femenina 2, o Memorial contará cunha segunda xornada. A que este sábado disputarán, en formato triangular, o Xuven, en calidade de anfitrión, o CB Vilagarcía e o Marín PeixeGalego.

Os dous primeiros abrirán a xornada de baloncesto no parqué do Pombal ás 18 horas, co Cebé e o Marín xogando desde as 18.45 e co Xuven e o PeixeGalego pechando o triangular a partir das 19.30.

Tamén como a semana anterior, Samuel Lago estivo acompañado na presentación da segunda parte do Memorial por Maribel Oubiña, sobriña de Araceli Oubiña, que en nome da súa familia agradeceu a acollida da primeira xornada e informou de que, doazóns bancarias aparte, o pasado domingo se recadaron 665 euros para a loita contra o cancro de mama metastásico, o mal que consumiu a súa tía e a causa á que dedicou tanto esforzo nos seus últimos anos de vida.