De se Zelensky fose Gandhi, Tolstoi ou Mandela

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MIKE SEGAR | REUTERS

«A non violencia é unha desobediencia civil que ten múltiples exemplos históricos para reaccionar fronte aos dominadores»

02 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo ferve en guerras por todos os lados. As máis coñecidas, de entre unhas sesenta, poden ser as de Afganistán, Etiopía, Iemen, Kurdistán, Libia, Nixeria, Palestina, Siria, Somalia, Sudán ou Ucraína. Cada unha delas supón millóns de dólares investidos en instrumentos para matar máis porque -ás veces hai que dicir obviedades- os vencedores dos conflitos bélicos son os que máis aniquilan. Obvio, simple. E persistindo nesta simpleza déixenme dicir que os que gastan máis en armas vencen nas guerras. Non é que se teña razón ou aparezan heroes. Non: do que se trata é de recursos económicos destinados a matar, en vez de ás necesidades vitais e sociais da Humanidade. Hoxe, precisamente, a ONU conmemora o Día Internacional da Non Violencia. A figura inspiradora é a de Mahatma Gandhi (1869-1948) que contribuíu á independencia da India cos seus postulados de non violencia. Aproveitando a actualidade, Gandhi tomou do escritor ruso León Tolstoi (1828-1910), quen participou nunha guerra en Crimea, as ideas fundamentais da resistencia non violenta que se resume nunha carta que o ruso lle enviou ao indio na que, en síntese, dicíalle que “a práctica da violencia non é compatible co amor como lei da vida”. Os dous, por certo, eran vexetarianos. Outra fonte de Gandhi foi o norteamericano Henry D. Thoreau (1817-1862), coa súa doutrina sobre a desobediencia civil. Entre moitas grandes figuras mundiais que apoiaron a non violencia poderiamos citar a Einstein, Martin Luther King, Andrei Sakharov, Lech Walesa, Vaclav Havel, Nelson Mandela, Desmond Tutu ou Pérez Esquivel. A non violencia é unha desobediencia civil que ten múltiples exemplos históricos para reaccionar fronte aos dominadores xa antes de Cristo e outros máis achegados no tempo como a independencia de Finlandia de Rusia, o movemento contra a guerra de Vietnam en USA, a Revolución dos Caraveis portuguesa, ou as folgas de Solidarnosc. Cando Hitler quixo invadir Inglaterra, Gandhi -que xa dixera aquelo de que se se facía caso ao de ollo por ollo, todos estariamos cegos- enviou unha comunicación -tan controvertida- ao pobo británico, dicíndolles que debías convidar a Hitler e Mussolini a tomaren todo o que desexasen dos seus países, e de quereren ocuparlle as casas que fuxisen delas, pero que sempre rexeitasen obedecelos. Tiña Gandhi o convencemento de que a Humanidade non podería librarse da violencia máis que por medio da non violencia. Esta non é propiamente unha actitude de pasividade entendida como negarse a facer, senón que inclúe protestas e métodos de persuasión para facer visibles as inxustizas como manifestacións, conferencias, panfletos ou marchas; ten que ir acompañada, por unha banda, de actitudes de non cooperación sociais, económicas -as folgas son as destacadas- e políticas; e, por outra, de accións non violentas directas como no seu día levou a cabo en España o Movemento de Obxección de Conciencia, pondo de manifesto a militarización da sociedade e chamando á insubmisión; ou como a denuncia permanente de Greenpeace contra o maltrato ao medio natural. Que pasaría se na actual guerra de Ucraína, por falar dunha, puidesemos substituír, a Zelensky por Gandhi?. Parece probable que Rusia se aproveitaría e os seus tanques ocuparían totalmente Ucraína. Pero diante da resistencia civil activa dos ucraínos, o Estado ruso non tardaría moito en abandonar o país invadido. Forzosamente así sería pero, aínda non acadándose de inmediato a liberación, aforraríanse miles de vidas humanas —irrecuperables— e traumas, infraestruturas, espazos culturais e educativos e, por suposto, millóns e millóns de grivnas e rublos, que servirían para mellorar a vida da poboación, que para iso din que valen os Estados. O dilema de que hai xente que estaría orgullosa de pertencer a Rusia e outra que non, sempre se podería resolver de xeito pacífico. Polo de pronto a ONU proclama hoxe o Día Internacional da Non Violencia. Por algo será, aínda que se lle faga pouco caso.