Nico Rodríguez e Silvia Mas, favoritos no Nacional de 470

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Dez parellas compiten desde hoxe en Vilagarcía

04 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, ás 12 horas, está prevista a saída en augas de Vilagarcía da primeira das 18 mangas programadas durante os vindeiros tres días pola organización do Campionato de España de 470 Mixta, unha das clases que en dous anos se estreará nos Xogos Olímpicos despois de décadas con cadanseu palmarés masculino e feminino na maior das citas deportivas do mundo. Optando ao título, dez tripulacións, con oito dos vinte deportistas en competición de Galicia. Entre eles, o vigués Nico Rodríguez, bronce nos Xogos Olímpicos de Toquio o ano pasado xunto con Jordi Xammar, e que encara a súa nova aventura tras o paso da clase a mixta xunto coa barcelonesa Silvia Mas, campioa do mundo do 470 feminino no 2021 con Patricia Cantero.

Quintos no Campionato de Europa de 470 Mixto hai escasas semanas, Nico Rodríguez e Silvia Mas parten coma claros favoritos ao título nacional, que lles servirá como pedra de toque de cara ao inminente Mundial que decidirá o groso dos pasaportes para a gran cita de París no 2024.

O Campionato de España foi presentado onte en Vilagarcía nas instalacións do Centro Galego de Vela, sede do mesmo. Un acto presidido polo secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, quen recordou o nome dos once regatistas olímpicos galegos para falar do «pasado, presente y futuro esplendoroso» da vela do país e lembrar como baixo a súa xestión se licitara o Centro Galego de Vela e se lle concedeu o seu aproveitamento á federación autonómica do ramo.

O presidente desta última, Manuel Villaverde, sinalou que o Campionato de España de 470 Mixto forma parte da Semana Olímpica de Galicia que a RFGV organiza desde hai anos con a lo menos un Nacional no seu programa, e que esta á súa vez figura dentro do Circuito Olímpico Español de Vela (COEV).

Villaverde agradeceu a presenza na presentación de Nico Rodríguez e tamén o seu papel de referente: «Mucha gente sigue la estela que estás marcando». O mandatario federativo rematou a súa intervención confiando en que as condicións meteorolóxicas axuden na navegación, con vento e sen chuvia, e animou a todos os presentes a gozar do campionato.