Romero, Torrado e Novo, campións galegos de inverno

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Fegapi

A armada arousá copou un de cada catro títulos e un terzo das medallas

28 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A temporada de piragüismo comeza a coller ritmo coa vista posta no Campionato de España de Inverno do vindeiro mes. A pasada fin de semana, en augas ourensás da área termal de Barbantes, no concello de Cenlle, o Campionato Galego de Inverno de Embarcacións Individuais 2023 volveu poñer de manifesto o poderío arousán no piragüismo de fondo, con todos os competidores, independentemente da súa categoría, baténdose sobre unha distancia de 5.000 metros, a medio camiño da pista olímpica e o maratón.

Tamén un ano máis, o de Diego Romero foi un dos nomes propios da primeira gran cita individual do calendario autonómico. O padexeiro do Breogán do Grove impúxose na proba do C1 Home Sénior ao seu compañeiro de club e de éxitos internacionais, o grovense Tono Campos, co catoirense das Torres-Romaría Vikinga Diego Miguéns completando o podio.

Sen saír da categoría sénior, a cambadesa do Náutico O Muíño de Ribadumia María Pérez colgouse a prata no C1 Muller por detrás de Jénifer Casal, do Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra. O tudense das Torres-Romaría Vikinga Iván Alonso foi tamén segundo, no K1 Home, só superado nun apertado final por Matías Otero, do Kayak Tudense; mentres as caiaquistas do Breogán do Grove Tania Álvarez e Marta Mourelos acompañaron, por esta orde, a Lara Feijoo, do Kayak Tudense, na cerimonia que coroou a esta última en Barbantes.

Categorías de formación

Na categoría Sub 23, o piragüismo arousán gozou dos bronces de Carlos Picón, do Náutico O Muíño, e de Iria Romero, do Náutico Pontecesures, ambos os dous na modalidade de canoa.

Polo que se refire á categoría xuvenil, Pedro Torrado, do As Torres-Romaría Vikinga, e Nerea Novo, do Náutico Pontecesures, proclamáronse novos campións autonómicos de inverno de canoa. O primeiro, co seu compañeiro de club Kevin Longo facéndose coa prata, mesma medalla ca conseguida pola padexeira do Piragüismo Illa de Arousa Lucía Tenreiro no caiac.

Así as cousas, a armada arousá completou o Campionato Galego de Inverno de Embarcacións Individuais con tres dos doce títulos xuvenís, sub 23 e séniores en xogo, isto é, cun de cada catro, e con trece das 36 medallas en xogo.