
Xurxo Souto coordina un acto que pretende recuperar os proxectos e os nomes de artistas que foron condenados polo franquismo
23 mar 2023 . Actualizado a las 13:25 h.O próximo sábado, ás sete da tarde, o polifacético artista Xurxo Souto impartirá un obradoiro sobre Música Represaliada na Sala Celso Emilio Ferreiro do Edificio Multiusos de Catoira. O obradoiro serve para tomar conciencia de como o imaxinario que impuxo a ditadura franquista segue a funcionar e a definir en parte o presente. Búscase descubrir o esplendor musical que lle roubaron á sociedade facendo un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de Estado de 1936 e reivindicar a dignidade das e dos artistas que sufriron a represión, un traballo sobre o que ata o de agora non existe investigación e no que se pretende abrir camiño.
Partirase de diferentes testemuños orais e dalgunha referencia literaria coa pretensión de que esas achegas sirvan de estímulo para que as persoas que participen no obradoiro conten as historias das e dos artistas da súa contorna. Esta actividade encádrase no programa O pasado por vir, da Deputación. A entrada é libre ata completar aforo.
Xurxo Souto é cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor galego. É licenciado en Filoloxía Clásica, pero a súa actividade máis coñecida foi a de líder e vocalista de Os Diplomáticos de Monte-Alto.