Os traballadores do servizo de lixo da Mancomunidade programarán máis mobilizacións
AROUSA

Os traballadores fixeron concentracións os xoves 2, 9 e 16 de marzo ante os consistorios de Meis, Cambados e Vilanova
05 abr 2023 . Actualizado a las 10:20 h.Fixar e iniciar un calendario de novas mobilizacións, sen descartar a convocatoria dunha folga. Este será o punto de partida da reunión que a Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de convocar para o vindeiro martes, 11 de abril, cos traballadores do servizo de lixo da Mancomunidade do Salnés, en concesión á empresa Valoriza Servicios Medioambientales.
Anxo Lúa, responsable do sector Industria da CIG no Salnés, explica que o novo paso obedece á falta de resultados tras as dúas xuntanzas mantidas con representantes da Mancomunidade do Salnés. A última, o pasado xoves a raíz das concentracións dos traballadores os xoves 2, 9 e 16 de marzo ante os consistorios de Cambados, de Vilanova de Arousa e de Meis, concellos que teñen cedida a xestión dos seus servizos de lixo ao ente supramunicipal. Nesas xuntanzas pediuse o compromiso da Mancomunidade da redacción dun novo concurso para a prestación do servizo antes de que remate o actualmente en vigor.
Desde a CIG falan de «mala intención e mala fe» á hora de redactar o concurso e amósanse moi críticos coa mancomunidade: «Os cargos que sustentan a mancomunidade ben que souberon marcarse os seus salarios millonarios a costa de non incrementarllese aos traballadores o que lles corresponde polo seu traballo».