O Cortegada dálles as grazas ás súas xogadoras e confirma o adeus tamén de Nuria Chorén

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Valora a súa entrega nun curso difícil, ao tempo que adianta que se tentará a continuidade de Javi Nogueira como adestrador

11 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Grazas ás xogadoras. Tiveron moito mérito». O vicepresidente e voceiro da Agrupación Deportiva Cortegada, José Gorgoso, manifestaba onte con suma énfase a súa dedicatoria ao cadro de baloncestistas que, baixo a dirección de Javi Nogueira, completaron o pasado sábado un meritorio curso. Cun triunfo sobre todo un candidato ao título, o Tirso Incentro, regalado á capitana Sara Gómez no seu adeus ás pistas, que elevou a conta de vitorias vilagarciás ata as once, cun sétimo posto final.

«Con todos os atrancos que tivemos, que tivemos moitos, a nosa valoración da temporada é positiva», sinala Gorgoso. E aos feitos remítese: «Este curso a competición foi moi dura. Maristas, con nove vitorias, descendeu. Tivemos as lesións de Sara —perdeuse nove dos 24 partidos— e de Andrea —no dique seco desde o Nadal— e o problema de Mercy —ausente catro xornadas por un fallo do club na xestión do seu visado—». E con todo, con longos desprazamentos, moitos deles cun desgaste físico extra: «As xogadoras responderon e sacárono adiante».

Logo de acariñar en decembro o primeiro posto, o Cortegada coqueteou con vivir unhas últimas xornadas de infarto, preto dos postos de descenso. Pero finalmente, e a pesar da baixa de Sara Gómez desde hai dous meses, «recuperamos o pulso ao final», sinala o voceiro do Cortegada, quen subliña: «O obxectivo esta temporada era este —conseguir a permanencia sen apuros—, e se a sorte nos tivera acompañado con Sara e con Andrea, poderiamos ter estado na fase de ascenso».

Gorgoso fai fincapé na pesada lousa que para o equipo vilagarcián supuxo a confección tan desigual dou dous grupos da LF2: «O que nos matou foi o tema dos desprazamentos. Fixemos catro veces máis quilómetros cos equipos do outro grupo. E a iso unímoslle a viaxe a Granada, que nos custou 5.000 euros que non serviron para nada —tras a retirada da competición do equipo nazarí—».

A directiva da A.D. Cortegada reuniráse a vindeira semana para, di o seu voceiro: «Marcar os obxectivos da temporada que vén». O punto de partida é, engade, «ver se podemos dar un paso adiante, pero o crecemento deportivo ten que levar parello o económico». E aquí non basta coa feliz noticia da continuidade de Mariscos Antón coma patrocinador do primeiro equipo, que o club lle agradece á empresa.

E é que á baixa de Sara haberá que engadir a cobertura da perda doutra canterana, Nuria Chorén, que pese a estar inda a piques de cumprir os 24 anos, a duras penas puido compaxinar as súas obrigas co equipo e o seu traballo de farmacéutica esta temporada. Sobre o técnico, Gorgoso adiantou: «Queremos que siga Javi Nogueira».

O club segue pelexando a devolución dos gastos de Granada

«Así é como funciona a Federación Española de Baloncesto», dicía onte molesto o vicepresidente e voceiro da Agrupación Deportiva Cortegada ao referirse á negativa da FEB a parar o encontro do pasado sábado para tributarlle unha pequena e breve homenaxe a Sara Gómez no minuto 6 do choque cun Tirso Incentro de acordo en facelo. Gorgoso sinalou que o Cortegada mantén un recurso en marcha ante o Comité de Apelación da FEB reclamando os 5.000 euros da súa viaxe a Granada.