Os torneos da Semana Santa reuniron non menos de 15.000 espectadores

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Imagen de la grada del campo municipal de Vilaxoán durante la final de la Ramiro Carregal Soccer Cup
Imagen de la grada del campo municipal de Vilaxoán durante la final de la Ramiro Carregal Soccer Cup MONICA IRAGO

Os responsables da VBCup Helena Mariño, do AF7, da Ramiro Carregal Soccer Cup e do Cidade de Vilagarcía valoran moi positivamente o vivido os últimos días

11 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os responsables dos catro grandes torneos de fútbol e de baloncesto base que coincidiron durante a segunda metade da Semana Santa en Vilagarcía e Ribadumia foron onte unánimes á hora de facer a súa valoración final: «Moi positiva». Tanto polo nivel deportivo finalmente despregado sobre os campos e canchas de xogo, como polo seu impacto, con non menos de 15.000 espectadores acumulados.

A Vilagarcía Basket Cup Helena Mariño foi o torneo con maior número de participantes: 1.500 xogadores de categorías desde benxamín a júnior. Alberto Blanco, presidente do club organizador, o C.B. Vilagarcía, amósase francamente satisfeito: «Estamos moi contentos, a nivel deportivo e organizativo. Foron unhas 7.000 persoas en tres días as que pasaron polos pavillóns do torneo, que, segundo os nosos cálculos, moveu arredor e medio millón de euros». A iso súmalle que «cada vez queren vir máis participantes», atopando neste punto o problema da enorme dificultade para poder responder a esta demanda ante o déficit de aloxamentos pola proliferación de campionatos base.

Á par da VBCup Helena Mariño aparece a previa do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7, que vén de celebrar a súa vixésima edición. O seu voceiro, Alberto Diz, cifrou nunhas 4.000 persoas máis aló dos participantes as que pasaron polas instalacións da Senra: «Estivemos na media doutros anos ou un punto por riba, coa axuda do bo tempo. Para moitos equipos, este torneo, sendo unha previa, é unha referencia». 

O Arousa apostou este ano por primeira vez por emular o AF7 e facer na Semana Santa unha fase previa do seu Torneo Benxamín Cidade de Vilagarcía. A valoración do club arlequinado foi excelente, tanto porque, din, «reunimos a 40 equipos cun nivel deportivo altísimo», como por contar «uns 1.500 afeccionados no Manuel Jiménez durante os dous días da previa».

No San Martín estaban onte pendentes de facer contas, pero a súa valoración da segunda edición da Ramiro Carregal Soccer Cup é «moi boa», logo de ver o campo de Vilaxoán cheo todos os días e cos equipos felicitando a organización.