






























Ofrendas florais e concertos de grupos como os de De Vacas e Luar na Lubre, marcan unha xornada para reivindicar a nosa lingua
17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O 17 de maio é día de celebración e de reivindicación: festexamos o noso idioma e reclamamos o noso dereito a usalo, o seu dereito a ser defendido. Na bisbarra do Salnés, os actos organizados co gallo do Día das Letras, este ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, xa veñen desenvolvéndose nas últimas xornadas. Onte mesmo, colexios como o de Castrelo (Cambados) celebraron unha Romaría. A rapazada e as súas familias viviron unha mañá chea de experiencias, coñecendo vellos oficios e disfrutando dos xogos cos que xa gozaban nenas e nenos hai moitos, moitos anos. Outros centros de Cambados, igual que algúns de Vilagarcía, celebraron festivais das Letras. E houbo tamén colexios e institutos e colexios, como os de Valga, que sacaron ao alumnado a correr pola lingua. Hoxe, concellos e asociacións toman o relevo, enchendo o día de flores, música, e moitas cousas máis.

vilagarcía
Carril, no centro. Como vén sendo habitual desde hai anos, os actos centrais do 17 de maio terán como escenario Carril. Alí celebrarse a tradicional ofrenda floral ante o busto de Rosalía de Castro, ás doce do mediodía.Trátase dun acto no que participarán autoridades, representantes da cultura e veciños en xeral . A continuación haberá unha actuación de baile tradicional a cargo dos compoñentes da escola do Gato Negro e do grupo Malveiras e ás 13 horas, a formación De Vacas, famosa polas súas versións de grandes éxitos nacionais e internacionais con letras en galego e temáticas críticas e humorísticas, ofrecerá un concerto na Praza da Liberdade. A programación en conmemoración das Letras Galegas manterase ata final de mes a través de dúas exposicións: unha mostra bibliográfica sobre Francisco Fernández del Riego, situada no auditorio, e unha segunda mostrar organizada pola biblioteca municipal Rosalía de Castro.
CAMBADOS
Flores e música. O 17 de maio chega a Cambados cunha axenda que ten a súa primeira cita ás doce do mediodía, no paseo da Calzada, onde se celebrará a tradicional ofrenda floral no monumento a Ramón Cabanillas, o Poeta da Raza. Media hora máis tarde, segundo o programa, xa no parque do pazo de Torrado, a banda de música de Castrelo ofrecerá un concerto.
o grove
Libros, contos e festa. No Grove, a Festa das Letras terá o seu primeiro escenario no entorno da capela de San Antonio, onde ás 10.30 horas comezará a Feira do Libro Galego, a cargo de Espazo Lector Nobel O Grove. Media hora máis tarde, a rapazada poderá gozar dos contos de Xarope Tulú. Contra o mediodía, haberá un encontro de pandereteiras protagonizado por agrupacións locais. Xa pola tarde, ás seis da tarde no Corgo, desenvolverase a Festa das Letras Galegas que organiza Cantodorxo. E á noitiña, cine: no auditorio proxectarase o filme As Bestas.

a illa
Mirando ao mar. A xornada pivotará hoxe arredor do peirao do Cantiño, onde os grupos de música e baile tradicional de Dorna animarán a xornada, que servirá tamén para inaugurar a tempada da sección de vela tradicional da asociación. Mesmo está prevista unha xornada de navegación libre nas embarcacións deste colectivo.
Ribadumia
Concerto de Luar na Lubre. Para celebrar o Día das Letras Galegas, o Concello de Ribadumia organizou a que será a sexta edición da Gala Ribadumienses en Prol do Galego. A gala comezará ás oito da tarde no auditorio municipal. Nesta ocasión, a cerimonia terá como protagonistas ao CPI Julia Becerra Malvar e o CRA de Ribadumia, que serán galardoados e recoñecidos por promover nas súas aulas o uso do galego a través das sesións docentes, as actividades, actuacións musicais e teatrais... Ademais, o público poderá gozar tamén do concerto de Luar na Lubre, que presentará o seu novo traballo discográfico Luar na Lubre XX. Encrucillada. Este grupo, recoñecido tanto a nivel nacional como internacional, soubo levar a música tradicional galega a novos horizontes, fusionándoa con sons contemporáneos.