O piragüismo arousán conta con sete padexeiros no Europeo Júnior e Sub 23

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Cinco dos deportistas xa competiran a comezos de mes no Mundial das mesmas categorías, dous deles, con medalla

27 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campionato de Europa Júnior e Sub 23 porá fin, entre hoxe e o domingo, á temporada internacional para os padexeiros das dúas últimas categorías de formación no piragüismo esprint. Tres semanas despois do Mundial de Auronzo (Italia), 22 deportistas galegos disputan a cita continental na localidade portuguesa de Montemor-O-Velho. Un de cada tres deles, arousáns ou de clubs da comarca, con cinco repetindo na selección española tras competir a comezos deste mes no Mundial.

Na categoría júnior, Lucía Tenreiro, do Club Piragüismo Illa de Arousa, tentará mellorar o seu sexto posto na final A do K1 200 de Auronzo; desta volta, formando parella con Uxía Rodríguez, do Kayak Tudense, no K2 500. Pedro Torrado, cuarto no C1 500 e noveno no C1 1.000 do Mundial, pelexará as medallas continentais no C2 500 e no C2 1.000 cos seus compañeiros no Club de Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga Samuel Ares e Kevin Longo.

Na categoría sub 23, a grovense do Escola Piragüismo Poio Valeira Oliveira aspira á súa segunda medalla internacional da temporada. Prata mundial no C4 500, en Montemor-O-Velho participa no C1 500. O vilanovés do Náutico O Muíño de Ribadumia Manuel Fontán buscará quitarse a espiña do seu quinto posto no C1 500 da cita planetaria de comezos de mes con dúas balas no cargador: no olímpico C2 500, formando parella con Martín Jácome (E.P. Ciudad de Pontevedra), e no C2 1.000, co madrileño do Breogán do Grove Diego Domínguez, campión mundial do C2 500 Sub 23, que no Europeo dobrará disputando tamén o C1 1.000.