Tono Campos gaña o título nacional de maratón curto e irá ao Mundial

H. portela / p.p.V. O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Carolyn Cooper (Cedida)

O grovense estivo acompañado no segundo chanzo do podio do C1 polo seu compañeiro no Breogán Diego Romero, que tamén conseguíu praza para a cita internacional

15 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O club Breogán do Grove foi segundo no medalleiro por equipos no Campionato de España de Maratón Curto de piragüismo, celebrado a semana pasada no encoro de Santa Cruz de Trasona (Asturias). A competición contou coa participación destacada de tres breoganistas, co grovense Tono Campos á cabeza, ao proclamarse campión de España, seguido do seu compañeiro o arousán Diego Romero como subcampión no C1 home senior. Este resultado permítelles aos dous acudir ao Campionato do Mundo de Maratón nesta modalidade, ademais de no C2 distancia estándar.

O terceiro medallista do Breogán foi Antonio Silva, que na categoría C1 home cadete acadou o título de subcampión. 

Resultados en Barco Dragón

Non foi o Campionato de España de Maratón Curto a única cita na que brillou a pasada fin de semana o Breogán do Grove. As centolas e os centolos do club meco fixéronse cun total de catro medallas no Campionato de España de Barco Dragón que se celebrou no Complexo David Cal de Verducido (Pontevedra).

O botín obtido nesta modalidade polos Centolos e as Centolas foi de: un ouro, dúas pratas e un bronce. Converténdose así no cuarto clasificado no medalleiro. Con todo, na clasificación por clubs ocupou a sétima posición entre os 20 participantes deste Campionato de España.

As primeiras medallas breoganistas chegaron na tarde do sábado. O barco veterano feminino DB12 sobre 500 metros se colgou a medalla de bronce e o barco mixto veterano DB12 a de prata na mesma distancia. Na xornada de domingo, que pechou a competición, o open veterano DB22 acadou a medalla de prata nos 500 metros e conseguiu o título de campión de España na distancia de 200 metros. Nesta modalidade, o Breogán contou cun total de 24 deportistas inscritos.