A cambadesa Uxía Rodríguez competirá no seu segundo Mundial de Trampolín

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Filippo Tomasi

A rapaza acudirá o vindeiro mes a Birmingham coa selección española en Dobre Minitramp (DMT)

19 oct 2023 . Actualizado a las 18:58 h.

A cambadesa Uxía Rodríguez Fernández disputará o vindeiro mes o Campionato do Mundo de Trampolín por Idades. Do 13 ao 20 de novembro, na localidade británica de Birmingham, a promesa arousá competirá na súa segunda cita planetaria, logo de colgarse o ano pasado en Sofía (Bulgaria) o bronce na modalidade de Dobre Minitramp (DMT) e rematar oitava na final de Tumbling na categoría de 11-12 anos.

Desta volta, en Birmingham Uxía tan só optará ao podio en DMT no que é un enorme logro, por dúas razóns. Por competir no seu primeiro ano na categoría de 13-14 anos. E por entrar na selección española en calidade de subcampioa de España o pasado mes de xuño tras chegar á gran cita nacional moi xusta de preparación, logo de tres longos meses de recuperación dunha escordadura no nocello dereito con afectación ósea, na que resultou a primeira lesión de consideración da arousá desde que comezara a practicar trampolín con 6 anos.

Con todos estes condicionantes, a deportista do Ximnasia Pontevedra viaxará ao seu segundo Mundial consciente do difícil que lle será poder repetir a actuación do ano pasado nun cadro con 45 competidoras para os 8 postos na final.