
Vilagarcía recolleu un novo premio pola humanización de Arcebispo Lago
22 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Vilagarcía foi unha das protagonistas na gala anual da Red Ciudades que Caminan celebrada o venres en Valladolid e na que se premiou a humanización da rúa Arcebispo Lago como un dos mellores proxectos de mobilidade peonil desenvolvidos en España no último ano. O alcalde, Alberto Varela, foi o encargado de recoller este novo galardón que, ademais de destacar a «brillante» actuación realizada na céntrica rúa da vila, tamén recoñece o modelo de cidade que se está desenvolvendo no municipio. O rexedor defendeu a «necesidade vital» de continuar executando políticas de mobilidade sostible «para mellorar a calidade de vida da cidadanía e a saúde do planeta».
O premio pola obra de Arcebispo Lago corresponde á categoría de cidades mediadas. O xurado cualificou a actuación de «brillante», destacando a «visión estratéxica do Concello á hora de seleccionar este enclave para o desenvolvemento dunha actuación de transformación exemplar» e coa que se crean novos espazos de calidade para os peóns e o fomento da convivencia.
A concelleira de Mobilidade, Paola María, foi a encargada de explicar as liñas mestras do proxecto na presentación titulada «El recuerdo del mar», xa que o deseño realizado polo arquitecto Mariano Vázquez evoca as marismas e o regato existentes outrora no lugar mediante a incorporación de fontes e elementos acuáticos que singularizan e dotan de gran atractivo á humanización.
A modo de peche, o alcalde de Vilagarcía fixo unha firme defensa das políticas de humanización das cidades, de recuperar espazos seguros e atractivos para os peóns, de reducir a circulación de vehículos e as emisións de CO2 e de promover os medios de desprazamento alternativos e sostibles, como o transporte público ou a bicicleta. «A mobilidade sostible non é un asunto ideolóxico. É unha necesidade vital que temos que seguir desenvolvendo, tal e como establecen as directrices europeas, e tal e como, hai xa décadas, asumen de forma unánime e sen fisuras as sociedades máis avanzadas», expuxo Verela, que citou a Cristina Arjona, responsable de Greenpeace, para acabar dicindo que «libertad es poder respirar aire limpio en nuestras ciudades».