Cambados recordará mañá e o venres o aniversario do pasamento de Ramón Cabanillas

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O programa inclúe a inauguración da Sala Pitusa Vidal Cabanillas, coa mostra «O seu último paraíso» e a entrega dos premios do certame literario Mar de Letras

09 nov 2023 . Actualizado a las 13:47 h.

O Concello de Cambados programou dous días de actos conmemorativos polos 64 anos do pasamento de Ramón Cabanillas. Mañá faráse a tradicional ofrenda no monumento ao poeta, ás 11, e media hora despois entregaránse os premios Mar de Letras no IES Asorey, que convocan conxuntamente o IES Asorey e o Concello de Cambados.

 Na categoría de poesía, o primeiro premio foi para Peccata Bellum Resurfaces, de Óscar Días Cerqueiro, alumno do IES Johan Carballeira (Bueu), e o segundo recaeu en Cantar do Duque Ovelerino, de Anxo Pérez Prego, alumno do IES Francisco Asorey (Cambados).

Na categoría de relato o primeiro premio foi para Anxo Martínez Filgueira, alumno do IES Antón Fraguas (Santiago) con Cambio climático, e o segundo foi para Nicolás Fernández Novoa, do colexio Marista Sta. María (Ourense) coa obra Dó.

O premio especial do xurado foi para O marco da casa, de Terry Agho, alumno do CEE de Panxón (Nigrán)

O xurado nesta edición estivo composto por Susana Otero, Alberto Luis Fernández, Eva Rodríguez e Domingo tabuyo. Os acordos foron tomados por unanimidade do xurado.

Os actos en homenaxe a Ramón Cabanillas continuarán o venres ás 20 horas Museo Ramón Cabanillas, inauguraráse a Sala Pitusa Vidal Cabanillas coa mostra O seu último paraíso e media hora despois Francisco Fernández dará unha conferencia sobre ela.