Un Open McDonalds de récord pecha o Circuíto Galego de Promoción

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

PABLO PENEDO

Uns 250 nenos e mozos e 100 maiores cítanse o sábado en Vilagarcía na edición máis numerosa do torneo

09 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Auditorio Municipal de Vilagarcía volverá ser un ano máis o escenario da derradeira proba coa que o Circuíto Galego de Promoción de Xadrez baixe o telón. Desta volta, da súa décimo sexta edición, só unha máis cás que este sábado cumprirá o Open McDonalds, consolidado no seu papel de árbitro final de boa parte das catro categorías de idade en xogo no torneo que prima a regularidade das mellores promesas do xadrez do país.

O bo estado de saúde do que este goza reflíctese nunha edición de récord. Cunha participación que rolda os 250 inscritos, Ángel Vilas, vicepresidente da Federación Galega de Xadrez e secretario do organizador C.X. Fontecarmoa, sinala que se trata do Open McDonalds «máis numeroso» nos quince anos de historia do torneo. Un dato que puxo sobre a mesa no establecemento de restauración que patrocina o evento deportivo coa supervisora do mesmo, Beatriz Castellanos, e co concelleiro de Deportes de Vilagarcía de Arousa, Carlos Coira, presentes no acto de presentación.

Vilas engadiu que, ademais dos rapaces que competirán polos títulos das categorías sub 8, sub 10, sub 12 e sub 14 do Open McDonalds e do Circuíto Galego de Promoción, arredor dun cento de xadrecistas disputarán tamén un torneo aberto a xogadores maiores aos rangos apuntados. Un número que ten mérito, por canto neste caso, subliña, non hai premios en metálico.

Si os haberá, en especie, para os mellores de cada unha das catro categorías do Circuíto Galego de Promoción, que se repartirán en cada unha televisión, unha tableta, unha torre de música e uns cascos. Os mellores do Open McDonalds levarán artigos deportivos doados polo patrocinador, como tamén as medallas para todos os participantes.

Desde a organización felicitáronse do tirón da proba, ata o punto de contar con 20 rapaces chegados dun colexio de Porto, no que é o primeiro desprazamento en grupo desde o país veciño para competir no Open McDonalds.

A competición comezará ás once da mañá e continuará ata as sete da tarde con dúas horas para comer entre as dúas e as catro —os participantes e familiares disporán dun vale cun 15 % de desconto no McDonalds—, con sete roldas por diante para cada xogador. O club local, o C.X. Fontecarmoa, contará con 30 xadrecistas nas categorías de formación e 40 no torneo de maiores.