![](https://img.lavdg.com/sc/AatfJttrphBLU0C1FMInMTv4mHY=/480x/2023/11/14/00121699987803149104659/Foto/AN15C6F1_194829.jpg)
A proba do domingo 26 será Campionato Galego para os corredores federados
15 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Vilagarcía de Arousa recuperará na mañá do domingo día 26 unha das citas máis emblemáticas do seu calendario deportivo. E faráo, ademais, coa súa Media Maratón convertida en Campionato de Galicia da distancia dos 21 quilómetros. Unha categoría que traballou o desde este verán concelleiro de Deportes da capital arousá, Carlos Coira, quen sinalaba onte na presentación do evento que o calendario inicial da Federación Galega de Atletismo deste ano non o contemplaba.
Acompañado polo alcalde, Alberto Varela, e mais polo presidente da Federación, Iván Sanmartín, Coira explicou que o prazo de inscrición para os corredores non federados rematará o día 22 ás 23 horas e 59 minutos, a través da páxina web carreirasgalegas.com. O custe de participar é de 15 euros para os que se rexistren ata o día 19 e de 20 para os que o fagan nas tres xornadas seguintes. Os atletas federados poderán competir de balde, tendo ata o vindeiro luns, día 20, para anotarse a través da intranet que a Federación Galega ten a disposición dos seus clubs.
Carlos Coira lembrou como nos últimos anos fora Zona Aberta quen organizara a Media Maratón de Vilagarcía, pero que non se volvera facer desde o 2019 por mor da pandemia e que agora é o Concello quen a retoma. Co mesmo circuíto chan e homologado pola Real Federación Española de Atletismo entre Vilagarcía, Vilaxoán e Carril que o fai «un dos máis rápidos de Galicia», o que unido á validez oficial das súas marcas alimenta o interese dos atletas.
Onte eran uns 450 os corredores, entre federados e afeccionados, xa apuntados nalgunha das sete categorías, desde sub 20 ás catro de idades máster.