Volven os bonos Son da Casa! a Vilagarcía para comprar cun 3x2 este Nadal

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A venda presencial dos pacs farase o 2 e o 16 de decembro na plaza de Galicia. O Concello financia a iniciativa con 37.500 euros

23 nov 2023 . Actualizado a las 21:20 h.

Volven os bonos Son da Casa! de Vilagarcía. O 1 de decembro lánzase a sexta edición desta campaña promovida pola concellería de Promoción Económica que ten o obxectivo de dinamizar o comercio e a hostalaría locais así como axudar aos consumidores a alixeirar os gastos do Nadal.

O Concello volve a dedicar 37.500 euros a subvencionar os 3.750 lotes de bonos que os cidadáns poderán adquirir e gastar entre o 1 de decembro e o 16 de xaneiro. Como nas edicións pasadas, cada pac custará 20 euros e permitirá facer compras por importe de 30 grazas aos 10 euros que aporta a administración local.

As normas de funcionamento son similares ás das anteriores edicións. Cada persoa maior de idade poderá adquirir un máximo de dous lotes de bonos. O sistema de compra é online, a través da plataforma sondacasa.vilagarcia.gal, aínda que para facilitar o acceso a todo tipo de públicos faranse dúas vendas físicas para aquelas persoas que non se manexen ou carezan dos medios tecnolóxicos para facer o trámite telemático. A carpa para a venda presencial instalarase na praza de Galicia os días 2 e 16 de decembro, poñendo á venda 250 pacs en cada xornada.

Cada lote componse de dous tíckets de 10 euros e outros dous de 5 euros que se poderán utilizar nos establecementos adheridos á campaña. En anteriores edicións o número de locais de venda de produtos e de prestación de servizos sumados á iniciativa situouse preto dos 300, destacando o amplo abano de posibilidades nas que se podían empregar os bonos, dende tendas de alimentación, a madeira, música, téxtil, xoierías, zapaterías, agasallos, restauración, bares, florerías, deportes, perruquerías, decoración, clínicas de fisioterapia, librarías, ferraxerías, complementos, paxareiras, papelerías e perfumerías.

Os consumidores poderán recoñecer estes establecementos a través do distintivo da campaña Son da Casa! 2023 que teñen que exhibir nos escaparates. Os negocios que aínda non estean adheridos, poden solicitalo a través da sede.vilagarcia.gal e logo deberán pasar a recoller o adhesivo que os acredita como participantes na campaña. Os consumidores poderán consultar a lista de establecementos participantes na web sondacasa.vilagarcia.gal.