O Asmubal Meaño remata por rachar o cántaro de tanto tentarlle á sorte (28-30)
AROUSA
Caeu co Anabel Lee Camargo 74 vítima dos seus propios erros
28 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Vendo os precedentes, a bo seguro que a máis dun non o collería por sorpresa. O Inelsa Solar Asmubal Meaño saldou o pasado sábado o seu partido adiantado da undécima xornada, programada para o 6 de decembro, cunha derrota ante o Anabel Lee Camargo 74, conxunto da zona media baixa da clasificación da División de Honra Prata Feminina do balonmán español. O resultado final, 28-30, co equipo meañés incapaz de poñerse nunca por diante.
O encontro resultou case un calco ao das dúas anteriores comparecencias do Asmubal perante a súa afección no parqué de Coirón. Coa única diferenza de que, mentres ante o Rubensa Porriño (27-26) e o Palencia Turismo (33-28) o cadro local fora quen de voltear máis de medio primeiro partido para tomar nota e non repetir, as de Juan Manuel Costas toparon no conxunto cántabro un rival con maior oficio, que non lles deixou tomar as rendas do electrónico en ningún momento. Algo que o Asmubal estivo a piques de conseguir a falta de cinco minutos para a conclusión, cando, como no minuto 20, conseguiu volver empatar o choque, 25-25.
Os fallos en ataque, con innumerables perdas de balón, e os desaxustes en defensa pasáronlle factura a un Asmubal Meaño que segue sen recompoñerse tras perder para o resto da temporada o seu cerebro na pista, a central vallisoletana Eli Méndez. Unha tarefa que non admite máis demora, cando este sábado toca cursar visita ao equipo inmediatamente por riba na clasificación, o Gijón, cuarto.
FICHA DO PARTIDO:
INELSA ASMUBAL MEAÑO (28): Dolores Pulti, Raquel Sineiro, Agustina Ballada (1), Sofía Arangio (4), Sabela Miniño, Cárol Ferreira (4), María Currás (2), Lorena Ligero, Lucía Caneda, Andrea Cores (2), Uxía Varela (1), Laura Miniño (9), Paula Rey e Kathiely Martins (5).
ANABEL LEE CAMARGO 74 (30): Natalia López, Irene Costales (3), Ana López (1), Candela Diego (4), Tezanos (1), Sara Gutiérrez (1), Duna (1), Antón, Cristina Urrutia (10), Aida Gómez (2), Mara Domínguez, Petrovic e Femic (7).
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 5-6, 5-9, 7-11, 11-11, 12-15, 15-18 (descanso); 17-19, 18-21, 20-24, 23-25, 25-25 e 28-30.
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Jónathan Hinojosa e Gabriel Folgoso. Castigaron con dous minutos a xogadora local Cárol Ferreira (min 29.30 e 59.18) e as visitantes Aida Gómez (min 9.30 e 17.56), Sara Gutiérrez (min 28.25), Mara Domínguez (min 36.10) e Irene Costales (min 59.54).