«O monte Xiabre é unha marabilla e tivo que estar inzado de petróglifos»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A Citania

O arqueólogo que dirixiu a posta en valor dos xacementos subliña que súa riqueza patrimonial está ao nivel de Lobeira, Alobre ou Os Ballotes

27 ene 2024 . Actualizado a las 20:31 h.

Aínda que tardou 17 anos en materializarse, e dende logo non foi sen tempo, a rota dos petróglifos do monte Xiabre é xa unha realidade. Dende a semana pasada, limpas, sinalizadas e accesibles, poden visitarse sen problema ningún 18 das rochas descubertas polos incendios do verán do 2006, que veñen de seren restauradas por Iria López baixo a coordinación da compañía A Citania Arqueoloxía. Un tesouro tan antigo coma as pirámides de Exipto que Vilagarcía pon a disposición do gran público. Israel Picón foi quen dirixiu os traballos. O arqueólogo revela algúns dos detalles deste enclave, en torno ao cumio máis alto da ría, que na súa opinión tivo que estar dominado no seu día por esta manifestación característica da arte rupestre en Galicia.

Están todos os que son?

  • É unha escolla. «Este traballo deriva doutro previo que se iniciou no 2021, baixo a dirección de Xurxo Constenla, tamén dende A Citania. Fixéronse unha limpeza e un rozado manuais, unha diagnose e una prospección dos petróglifos, que dende o 2007 estaban un tanto esquecidos. É entón cando se lle presenta ao Concello de Vilagarcía unha proposta de actuación, centrada nun traballo directo sobre as rochas dende o punto de vista da restauración e a posta en valor. É certo que fixemos unha escolla, guiados polos criterios da restauración e da visitabilidade por parte da cidadanía. Outros que figuraban nas catalogacións non os dimos atopado».

Poden aparecer máis?

  • É posible. «Que non aparecesen todos os catalogados pode deberse a varios factores. Que houbese que limpar máis, porque é unha zona con moita vexetación, sobre todo toxo. Pero tamén unha posible duplicidade de nomes, porque aquí traballaron varios arqueólogos en tempos diferentes e existen distintas catalogacións dos petróglifos. Hai eólicos, hai pistas, hai tránsito de maquinaria pesada e todo pode suceder. Pero me inclino a pensar máis nesa duplicidade e en non ter un rexistro todo o detallado que se puido facer».

O nivel patrimonial

  • Están á altura. «De feito, nós apostamos por Xiabre e fixemos a proposta ao Concello porque entendemos que a nivel patrimonial están á altura do Alobre ou do monte Lobeira, por citar elementos da contorna. Estamos moi satisfeitos. Todo o monte forma un conxunto, con Caldas, e existe un marabilloso e enorme potencial. Non teñen a transcendencia historiográfica dos Ballotes, a súa restauración tamén a dirixín, eu, pero estes petróglifos non os desmerecen para nada».

A CITANIA

Os motivos dos debuxos

  • O simbólico imponse. «Os motivos son elementos clásicos, predominando o simbólico sobre o natural. Cazoletas, combinacións circulares que en Monte Xiabre 2 son chulísimas. Unhas combinacións circulares con cazoletas que, para min, son as máis espectaculares. Os elementos naturalistas que puxemos en valor vense perfectamente en Sobreiras 12, cunha sucesión de cérvidos. Hai mesmo posibles elementos de época histórica: en Sobreiras 2, por exemplo, aparecen cruces, xunto a pegadas de cérvidos, que son moi interesantes e representan tamén a arte natural. O que non hai, por agora, cando menos claramente, son armas ou alabardas E logo temos unha posible interpretación dun antropomorfo en Pouso Cobo 3. Aínda que de maneira moi esquemática, creo que pode representar un ser humano».

A MELLOR HORA PARA VELOS

  • A primeira e última hora do día. «Sempre é mellor ao amencer e ao serán, cando a luz do sol cae oblicua, ou mesmo á noite, con focos. Sen ser un especialista en arte rupestre, estes petróglifos están bastante ben. Pódense apreciar mesmo nas horas centrais do día. Sobreiras 1, por exemplo, vese de marabilla. Monte Xiabre 2, tamén».

Algún está cortado?

  • Canteira tradicional inmemorial. «Efectivamente. Sobreiras 1 é un bo exemplo. Apréciase perfectamente que está cortada. En Xiabre 2 mesmo vemos as cuñas. Este monte, que é unha marabilla, foi unha canteira tradicional da que se extraeu pedra dende tempos inmemoriais. Tivo que estar inzado de petróglifos».

Puideron ter coloración?

  • Está documentado noutros xacementos. «Non era o obxecto deste traballo buscar restos de pigmentación. Pero iso non quere dicir que, aplicando outra metodoloxía, poidan aparecer. Ou non. En calquera caso, habería que buscalos. Houbo pigmentación nas mámoas, claramente, e está documentada noutros xacementos de petróglifos».

A súa antigüidade

  • Catro mil anos. «A groso modo sempre se di que se inician na Idade do Bronce [de 3.300 a 1.200 anos antes de Cristo]. Suponse que cando xorden as primeiras armas de metal, uns 2.500 anos antes do cambio de era. Pero hai arte rupestre dende finais do Neolítico ata a Idade de Ferro, e logo tamén en época medieval. Cada vez se documentan máis castros con petróglifos. É un tema un tanto peliagudo».

O arqueólogo

Israel Picón dirixiu a posta en valor dos petróglifos de Xiabre e a restauración que levou a cabo Iria López. O arqueólogo subliña a aposta que o Concello de Vilagarcía fixo por este proxecto e a plena colaboración que brindou a comunidade de montes de San Pedro de Cea. Na súa opinión, o Xiabre debe ser concibido coma un todo —«as entidades políticas nada teñen que ver coa realidade da Idade do Bronce ou do Ferro», ironiza— e sostén que a colaboración entre os concellos de Vilagarcía e Caldas sería importantísima.