O Cortegada volve a zona play-off tres meses despois

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O equipo vilagarcián é quinto na clasificación, pero as bases de competición vetan o Segle XXI, líder da Liga, na fase de ascenso

13 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A vitoria na mañá do domingo sobre o Mypelletymas B.F. León no Pabellón San Esteban devolveu o Mariscos Antón Cortegada á zona de play-off tres meses despois. O ano pasado, o quinto posto que hoxe ocupa na clasificación do Grupo A situaría o conxunto vilagarcián a un posto e dous triunfos do grupo de equipos con dereito a disputar a fase de ascenso ao termo do campionato regular. A presenza do Segle XXI, líder intratable, cambia o escenario e os números cos que botar as contas. 

As bases reguladoras da Liga Femenina 2 recollen no seu apartado 2.1 que «el equipo Siglo XXI no podrá clasificarse para la fase final, pero sí disputará la fase de permanencia en caso de que la hubiera». A razón desta cláusula é a singularidade do Segle XXI. Un colectivo tras o que non figura ningún club, senón as federacións de baloncesto catalana e española. Así as cousas, desde a FEB estableceron a salvagarda a fin de non provocar agravios cara aos clubs por parte dun proxecto ideado para potenciar talentos en bruto do baloncesto español, caso da vilagarciá Irene Noya.

Tanto é así, que xa a temporada pasada as xogadoras do Segle XXI tiveron que ver a última fase de ascenso á Liga Challenge fóra da pista, ocupando o posto do campión da fase regular do Grupo B, no que daquela estaba encadrado, o quinto clasificado, o Mataró. Este último quedou despois ás portas do ascenso directo, perdendo a súa semifinal co Unicaja, se ben acabou dando o salto á Liga Challenge.

Así as cousas, a nove xornadas para a conclusión da fase regular, o Cortegada pecha a zona de play-off con dous triunfos menos có terceiro e có cuarto, Arxil e Maristas Coruña, e empatado a dez triunfos co sexto, o B.F. León, ao que o domingo lle gañou ademais a diferenza de puntos na suma dos seus dous duelos particulares.