Dos cítricos ciscados polo chan

AROUSA

Mónica Irago

As laranxas e limóns das nosas hortas non se consumen

17 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Na miña infancia, rural, nas casas do común non había laranxeiros. Limoeiros si, que os limóns facía falta tomalos con mel quente para afeccións da gorxa, con auga fresca nas calores do verán, ou para aromatizar filloas. O sabor das laranxas de por aquí é un algo ácido pero delicioso e cada gallo comesto transmite unha dozura incrible, un pracer. Hoxe, desde calquera estrada obsérvanse eses cítricos a carón de moitísimas casas. Nestes días, cando están en plena antese, vense completamente cargados. Unha exuberancia rotunda. Mais debaixo das copas aparecen as froitas tiradas polo chan onde van adquirindo lentamente unha cor esbrancuxada e podrecendo deseguido. As laranxas e limóns das nosas hortas non se consumen. Parecen árbores decorativas e os donos non deixan de acudiren aos supermercados e viren cargados con bolsas de cítricos de quen sabe que exótica procedencia. Non se entende esa prodigalidade. O número de árbores cítricas diseminadas en Galicia chegan a un asombroso terzo dos de toda España: máis de cen mil!. Cen mil a estragar toda a súa abondosa produción. Malia que os cítricos, polo menos nesta parte atlántica, dan excelente e abondosa froita, existen poucas fincas a producir para comercializala. Isto vén sendo a imaxe do que foi, está a ser en moitos lugares, a agricultura de subsistencia en Galicia. Con ela cada casa cultivaba un pouco de todo e aproveitaba para ir criando animais produtores de carne e leite, tamén esterco, para, en economía circular, abastecer esa casa, pero sen producir excedentes comercializables. O minifundio e o sistema foral provocaron esa agricultura que aspiraba ter para comer: plantábase un laranxeiro ou un limoeiro para a casa, non se armaba unha explotación —como se fixo co viño— na busca dunha produción para pór no mercado. A agricultura de subsistencia permitiu non morrer de fame, pero evitou a industrialización da terra cultivable. Ou o que é o mesmo: contribuíu nun solo rico, afogado polas estruturas da propiedade, a unha pobreza máis ou menos xeneralizada, cun nivel de produción limitado ao consumo, sen mecanización, nin ferramentas modernas nin tecnoloxía; sen beneficios económicos. Isto xa está estudado de vello. Pero o proceso administrativo de concentración parcelaria nunca foi dotado de medios suficientes e vai indo cunha lentitude exasperante sen que o goberno lle dea un impulso definitivo. Sen embargo hai estudosos que gaban a agricultura de subsistencia e resaltan os seus valores pedindo un cambio de mentalidade que aprecie a cultura e as formas de vida tradicionais das comunidades rurais, dicindo que este mundo en Galicia non pode camiñar inexorablemente cara á concentración parcelaria masiva e a un desenvolvemento industrial ilimitado: «Non podemos substituír a práctica cultural minifundista pola implantación dun ‘latifundio inventado' alleo á realidade social, económica e cultural de Galicia, porque a pluriactividade das familias minifundistas galegas é unha práctica cultural herdada que debemos preservar» (Ferrás Sexto, Carlos et al. en La agricultura familiar sostenible en sistemas minifundistas. Estudio de casos comparados en Galicia e Irlanda). E que non se debe permitir que desapareza como en Irlanda, onde agora hai intentos de recuperar aquel estilo de vida asociado á agricultura familiar tradicional. Para Galicia propoñen manter esa agricultura familiar como práctica cultural herdada e cun estilo de vida singular que chegaría a ser sostible economicamente con modernización das granxas familiares en réxime de cooperativa, resaltando as características culturais propias fronte á uniformación cultural da globalización. Eu poño matices: o proceso de reordenación da propiedade agraria, vital para o sempre abandonado mundo rural, debería ser tan prioritario como a educación, a sanidade ou os servizos sociais. Mentres tanto seguiremos a ver laranxeiros e limoeiros coas froitas ciscadas polo chan sen que ninguén as aproveite.