Urovesa figura entre as 24 empresas convocadas por Pedro Sánchez á Moncloa para falar da Estratexia Industrial Europea de Defensa
AROUSA
O presidente do Goberno quere que o sector se convirta nun actor clave dentro deste proceso
20 mar 2024 . Actualizado a las 18:51 h.O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e a ministra de Defensa, Margarita Robles, mantiveron este luns unha xuntanza de traballo no complexo presidencial da Moncloa con representantes das principais compañías do sector da defensa de España. Entre as 24 empresas convocadas polo xefe do Executivo central figuraba Urovesa, con sede en Santiago de Compostela e fábrica en Valga, presente na persoa do seu director executivo, Justo Sierra.
Xunto a representantes doutras firmas coma Expal/Rheinmetall, Fecsa, Indra ou actores internacionais coma Navantia ou Airbus, Urovesa escoitou de boca de Pedro Sánchez a súa intención de facer de España e das súas empresas «un actor clave en la primera Estrategia Industrial Europea de la Defensa» presentada o pasado día 5 pola Comisión Europea. Como? Apostando xunto ao sector nacional por aumentar o investimento na súa capacidade produtiva e de I+D e elevando a súa participación e liderado nos grandes programas europeos do sector.
Os asistentes coñeceron tamén os plans do goberno de Pedro Sánchez para volver impulsar o apoio de España a Ucraína na súa guerra con Rusia da man da industria de defensa nacional.