A CIG denunciará no xulgado a Pescadona por impagos a dúas das súas delegadas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Mar Vila, responsable do sector do Mar da CIG no Salnés
Mar Vila, responsable do sector do Mar da CIG no Salnés Martina Miser

O sindicato fai público ademais que a conserveira arousá vulnera o dereito á información que lle corresponde á representación dos seus traballadores

08 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A responsable de Mar da CIG en Arousa, Mar Vila, compareceu publicamente ante a prensa no día de onte xunto con integrantes do comité de empresa na conserveira Pescadona para informar de que o sindicato vai presentar denuncia xudicial contra a compañía por as débedas que ten contraídas con dúas das súas cinco delegadas sindicais na firma e por vulnerar os seus dereitos como representantes do cadro de persoal.

Vila explicou que mentres Pescadona regularizou por fin o pago mensual aos seus traballadores, fixo unha excepción con dúas das cinco delegadas sindicais da CIG tras a primeira elección dun comité de empresa na sociedade, con centros de traballo na Illa, Cambados e Vilaxoán. Unha cobrou por última vez o soldo en xaneiro e a outra en febreiro. Ademais, a dirección de Pescadona, que onte non quixo pronunciarse sobre a denuncia da CIG, négalle ao comité a información á que ten dereito antes de sentarse a debater e negociar calquera aspecto do funcionamento do traballo na empresa. Negativa que xa lle custou unha advertencia de inspección de Traballo. A CIG reclámalle tamén a Pescadona o regreso á produción dos fixos-discontinuos, máis da metade do persoal.