Seis mil bolsas da compra potenciarán o emprego do galego nos comercios de Vilagarcía

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Serxio González

Os alumnos do Alobre, cuxa directora se despide do centro, distribúen os seus deseños entre os establecementos da capital arousá

26 jun 2024 . Actualizado a las 18:15 h.

Implicados co galego é xa un clásico en Vilagarcía. A campaña que cada curso desenvolven os alumnos do instituto Castro Alobre, baixo o paraugas do equipo de normalización lingüística do centro, procura un dobre obxectivo, fundamental na construción dunha sociedade saudable: a potenciación do emprego da lingua galega, por unha banda, e o apoio ao pequeno comercio, pola outra. Onte, a coordinadora Ánxela García e os autores dos deseños escollidos para protagonizar esta iniciativa amosaron os seis modelos de bolsas da compra que hoxe mesmo serán distribuídos entre os establecementos comerciais da cidade. Nada menos que seis mil unidades confeccionadas en tea, cumprindo un terceiro obxectivo de sostibilidade, chegarán ás súas mans.

No certame deste ano participaron estudantes de todos os cursos e niveis que se imparten no Alobre. Unha primeira peneira serviu para escoller vinte deseños, entre o cento deles que elaboraron os alumnos. De todos, son seis os que se materializaron nestas seis mil bolsas da compra que os clientes do comercio vilagarcián atoparán hoxe nos seus negocios de referencia. Os seus autores son Lucas Antonio Gaona Morinigo (2.º ESO B), Sara Agra Castro e María Blanco Cambeiro (3.º ESO A), Hugo Rey Otero (4.º ESO A), Xabier Costas García (4.º ESO B), Antía Fernández Paulos (4.º ESO C), Carlota Magán Cascallar (1.º Bacharelato B) e Marta Varela Bermúdez (2.º Bacharelato B).

«Eu sempre debuxei, dende que tiña cinco anos, pero levaba moito sen facelo, e este curso, ademais, xa non temos Plástica. Pero Ánxela animoume e me apuntei», explica Lucas, que buscou a súa inspiración en internet ata dar coa imaxe dunha man que, no seu caso, duplicouse para acoller varios dos enclaves máis recoñecibles de Vilagarcía nun debuxo plasmado sobre unha tea de cor azul celeste.

«Agora toca distribuír as bolsas e os carteis polos comercios», anunciou a coordinadora de normalización. Nesta tarefa, que comeza hoxe, a iso das once menos cuarto da mañá, intervirán os alumnos e tamén a decena de persoas que compoñen este departamento no instituto. «Cada ano facemos algo distinto, e nesta ocasión temos bolsas de tea sustentables», engadiu.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, garantiu o respaldo do Concello de Vilagarcía para unha iniciativa que curso tras curso sorprende a cidadanía e aos comerciantes, na que a participación dos estudantes nunca falla. Algo especialmente importante nun contexto adverso para o galego. Como ben advertiu a representante municipal aos mozos e mozas: «O futuro da nosa lingua está nas vosas mans».

Serxio González

Despedida da directora

A presentación da campaña serviu como despedida pública da directora do Castro Alobre. Mariola Rodríguez deixa o centro logo de 16 anos como profesora, os cinco últimos á fronte da súa dirección. O equipo de normalización lingüística agasallouna cun agarimoso ramo de flores.