Veloso e Ángel Sánchez arrincan a Volta a Portugal

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

JOAO FONSECA

O vilagarcián dirixe por terceiro ano o Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua, co seu pupilo cambadés correndo a súa quinta edición da Grandissima

24 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Volta a Portugal 2024 bota a andar esta tarde co seu tradicional prólogo individual, desta volta, de 5,6 quilómetros polas rúas de Águeda. Por diante, nove etapas en liña e unha contrarreloxio individual que o domingo 4 de agosto coroará o sucesor do suízo Colin Stüssi no palmarés da Grandissima. E un ano máis, no gran pelotón luso, os dous arousáns que atoparon no país veciño o seu acomodo no ciclismo profesional: Gustavo César Veloso e Ángel Sánchez.

O vilagarcián dirixirá por terceiro ano consecutivo o Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua, no que o corredor cambadés disputará a súa quinta edición na Volta a Portugal.

Desde o hotel de concentración do seu equipo, Ángel Sánchez analizaba onte as súas opcións e as do Tavfer durante os vindeiros once días. Tras sumar cinco vitorias de etapa nas dúas anteriores edicións da man de João Matias e de Leangel Linarez, a escadra que dirixe Veloso reforzou inda máis o seu perfil coa incorporación dun terceiro velocista, Cesar Martingil. Xuntos suman case a metade dos sete ciclistas seleccionados polo director deportivo vilagarcián.

Edición endurecida

O problema, sinala Sánchez, é que este ano a organización da Volta a Portugal deseñou un dos trazados máis duros en moito tempo, con 1.540 quilómetros marcados pola ampliación da alta montaña e unha única etapa, a segunda, entre Santarém e Marvila, en Lisboa, como única claramente chamada a rematar en esprint.

Pola súa parte, Ángel desvela non chegar no mellor momento: «Esta temporada estoy teniendo bastantes altibajos. Sufrí una mononucleosis y solo llevo un mes a tope para poder preparar la Volta». Así as cousas, e con menos dun mes de xornadas de competición nas pernas, o corredor cambadés sinala que, como o resto dos sete integrantes do Tavfer, arrinca a Grandissima sen un rol moi claro, máis aló de axudar a pelexar pola vitoria en todas as etapas con chegada masiva e tentar entrar na mellor escapada de cada xornada.