A Travesía a Nado Porto de Vilagarcía estreará saída desde a rampla do CGV

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ADRIAN BAULDE

A proba contará na mañá deste domingo con máis de 200 deportistas

25 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Travesía a Nado Porto de Vilagarcía vivirá este domingo unha edición singular, por varias razóns. A primeira, por chegar a un número tan redondo como o 40. A segunda, por coincidir coa efeméride do Club Natación Vilagarcía, que no seu día se fixo cargo da súa organización e neste 2024 cumpre os 20 anos de existencia. E terceiro, polas novidades coas que se atoparán os máis de 200 participantes previstos polos responsables da proba, puntuable para o Circuíto Galego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas.

O presidente do C.N. Vilagarcía, Fernando Vicente, debullou onte os detalles da XL Travesía a Nado Porto de Vilagarcía, nunha presentación na casa consistorial da capital arousá na que estivo acompañado do concelleiro e presidente da Fundación Municipal de Deportes, Carlos Coira, e polo directivo da sección de augas abertas da Federación Galega de Natación, Andrés Carrera.

Haberá novamente tres distancias, de 2.500 metros, con saída ás 11 horas, de 1.200, a de carácter popular, e de 250 para rapaces de 13 e de 14 anos. A gran novidade vén no punto de saída. O Club Natación Vilagarcía solicitoulle ao Porto un cambio de escenario por falta das condicións idóneas de seguridade na dársena deportiva, e por primeira vez, a proba partirá e rematará na rampla do Centro Galego de Vela. Ademais, o Porto dispuxo un arco ao bordo da rampla e sobre a auga, que permitirá rexistrar minuciosamente os tempos de chegada dos nadadores, debendo estes tocar nel coa pulseira chip coa que participen para dar por concluída a súa participación. Unha solución, salientan desde o club e desde a Federación, que lles facilitará moito aos árbitros o labor de fixar a orde dos nadadores máis reñidos na chegada.

Carlos Coira e Andrés Carrera felicitaron o CN Vilagarcía por manter viva una proba que serve para fomentar, dixo o federativo, novas vocacións na natación.

Ao remate da travesía, deportistas, directivos e familiares do CN Vilagarcía gozarán dunha comida na Praza da Peixeiría polos 20 anos do club.