A proxección terá lugar este venres, ás dez da noite, no parque do centro sociocultural
25 jul 2024 . Actualizado a las 20:11 h.A veciñanza de Trabanca Badiña e todas as persoas que desexen gozar dunha noite de cine ao aire libre terán a oportunidade de facelo o venres nesta parroquia de Vilagarcía grazas ao Fantasio na Rúa. O programa organizado pola Concellería de Xuventude proxecta este 26 de xullo, Amigos hasta la muerte, a primeira incursión na dirección do cómico galego Javier Veiga. A sesión celebrarase a partir das dez da noite no parque do centro sociocultural do lugar.
Amigos hasta la muerte estreouse no 2023. Trátase dunha comedia para maiores de 12 anos protagonizada por Javier Veiga, Marta Hazas, Mauricio Ochmann, Xosé A. Touriñán, David Amor, Xoel López.
A sinopse indica que María, Nacho e Suso son tres amigos de toda a vida. Xuntos compartiron moitas cousas, se cadra demasiadas… E de súpeto a dous deles vailles tocar compartir o segredo de que o outro vai morrer en breve. Pero antes, quédalles moito por facer: plans, promesas, reproches, risas, reconciliacións, lembranzas, máis risas, algunha bágoa… e algo pendente que chegou a hora de destapar. Os tres van descubrir o pouco que importan as cousas que parecían importantes.