Vilanova porá a venda máis de mil quilos de produto na Festa do Mexillón e do Berberecho

m.s.s / b.c. VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A carpa de degustación abrirá este xoves ata o domingo e inclúe trece receitas no menú

06 ago 2024 . Actualizado a las 19:36 h.

A dous días do comezo da trixésima edición da Festa do Mexillón e o Berberecho, Vilanova de Arousa ultima os preparativos dunha celebración que terá lugar dende o 8 de agosto ata o 11, e que prevé vender máis de mil quilos de produtos, ademais de bater os rexistros de asistencia dos anos anteriores, segundo as estimacións da organización. O xoves 8 abrirá a carpa gastronómica, situada na praza de Castro, para todo aquel que queira desfrutar dos mariscos da ría. No lugar poderanse degustar ata trece pratos, unha lista que inclúe dende mexillóns e berberechos ao vapor ata empanadas ou croquetas. Estarán fixados tamén os prezos dos pratos, que van dende catro a catorce euros. A degustación comezará pola mañá, dende a unha do medio día ata as catro e media, e pola tarde, dende as oito ata as doce da noite. Na carpa fíxase un aforo de catrocentas persoas e na entrada de esta poderanse adquirir os tíckets de compra.

O cartel de actividades inclúe tamén a vixésima edición da Feira de Oportunidades, na avenida de O Recheo, tanto o venres pola tarde como o sábado pola mañá. Esta actividade conta coa colaboración da asociación Vilanova Centro que agarda liberar deste xeito o stock dos seus comercios. Nos postos poderase encontrar dende calzado e roupa ata plantas ornamentais, ademais de actividades para os rapaces.

A virxe do Carme será a protagonista do sábado, onde se prevé a participación de medio cento de barcos na procesión, que partirá, as sete da tarde, dende a estación marítima de Mar de Santiago ata o faro de Seixo, onde se realizará a ofrenda floral en lembranza das vítimas ao mar. Lino Díaz, patrón maior da confraría de Pescadores de Vilanova, sostén que este é un ano moi duro para o marisqueo, pero que non poden deixar de celebrar o día da súa patroa. O domingo 11 de agosto será o punto e final das festas, onde se entregarán as insignias de ouro e brillantes da festa a María del Carmen Del Valle Galbán, Nando Casal Tacón e a Asociación de Amigos de Valle-Inclán. O acto terá lugar á unha e media na praza do Castro, despois da lectura do pregón.

A música tamén ten cabida de forma gratuíta nesta festa gastronómica, que contará coa orquestra Panorama no parque do Cabo o venres ás once, con Antonio Barros e Lis Prado o sábado as dez na praza do Castro e con Roi Casal o domingo, co que se pechará o programa do Mexillón.