Este sábado descubrirase en Cornazo a escultura que lembra ao gaiteiro Juan Barcala

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

X. AMENEIRO

A peza foi doada polo Concello de Vilagarcía e servirá para lembrar a este referente da música tradicional

05 sep 2024 . Actualizado a las 16:33 h.

O gaiteiro e compositor Juan Barcala, falecido en 2021, estará sempre presente na súa parroquia natal, Cornazo, a través da escultura que se vai colocar na contorna do centro sociocultural dos Borrizos e descubrirase este sábado. Será nun acto público a celebrar a partir das 19 horas ao que se anuncia a presenza do alcalde e membros do goberno local, representantes das numerosas formacións musicais e folclóricas da que formou parte, familias, amigos e veciños.

A escultura foi elaborada pola Escola de Canteiros da Deputación e inclúe unha placa conmemorativa doada polo Concello de Vilagarcía. «Con esta homenaxe a veciñanza de Cornazo recoñece e pon en valor para as xeracións futuras a importante labor que Barcala realizou para promover e conservar a música popular e tradicional galega, un traballo que desenvolveu a través das numerosas agrupacións das que formou parte ou colaborou, como Leixaprén, Lumarada de Cornazo, Os Terribles de Arousa, Os Demos da Petaca, Os Campaneiros. Santa Plácida de Rubiáns, ou Mocidade da Torre», informa Ravella.