Ravella contrata a obra para a mellorar a seguridade viaria na zona do Piñeiriño

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Os traballos terán un custe de 198.000 euros e un prazo de execución de catro meses

05 sep 2024 . Actualizado a las 16:27 h.

A Xunta do Goberno de Vilagarcía acordou na reunión desta semana adxudicar á firma Montajes J.M. Iglesias a obra de ensanche da rúa Wenceslao Fernández Flórez por ser a desta empresa a mellor das doce ofertas que concorreron ao concurso. O contrato adxudicouse por 198.989,46 euros (IVE incluído), 15.231 euros por debaixo do prezo de licitación, e financiarase a través do plan Máis Provincia.

O proxecto permitirá mellorar as comunicacións do barrio do Piñeiriño e elevar a seguridade viaria dos peóns na rúa que une a zona das Pistas co nodo no que conflúen a rúa Pablo Picasso co vial de acceso ao Porto e a avenida de Cambados, segundo informan desde Ravella.

Tras a actuación que se vai iniciar proximamente, tanto os autobuses como os vehículos longos poderán transitar pola vía, «ofrecendo así máis alternativas aos accesos ao Piñeiriño dende as rúas Fontecarmoa e Camilo José Cela. Ademais, a obra repercutirá positivamente na seguridade viaria xa que, ao gañar en amplitude, tamén se facilitará a convivencia entre peóns e vehículos», engaden desde o executivo local.

O proxecto, que ten un prazo de execución de catro meses, inclúe a renovación das redes de saneamento e recollida de augas pluviais, así como a reposición do pavimento.

Unha vez se asine o contrato, os traballos poderán comezar tan pronto como a empresa estea dispoñible, posto que o Concello conta dende hai meses co permiso da Demarcación de Carreteras del Estado por tratarse dunha vía que enlaza coa estrada de acceso ao Porto, de titularidade estatal.

O goberno local tivo que xestionar previamente a consecución dos terreos necesarios para dar amplitude a rúa no punto no que se estreita. Chegouse a acordo vía convenio con dous propietarios que ceden gratuitamente unha franxa de terreo de 21,5 metros cadrados que permiten facer a obra.