O Vilagarcía SD comprou unha cámara para blindarse ante as actas arbitrais

AROUSA

O club quéixase de redaccións non axustadas á realidade e das súas sancións
20 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A sanción dun ano de inhabilitación ao delegado do seu equipo de Segunda Futgal Infantil supón para o Vilagarcía SD a última pinga dun vaso que consideran rebordado hai xa tempo. Inda despois de que o Comité de Competición e Disciplina dese por bo o contido da acta arbitral, na que o colexiado do CD Arcade-Vilagarcía SD do pasado domingo recollía unha agresión —castigada con seis meses de inhabilitación— e o intento doutra —outros seis meses— do delegado visitante ao trencilla, menor de idade, no club arousán seguen mantendo a inocencia do integrante do club, para clamar que chove sobre mollado. E por iso, o Vilagarcía, informa o seu director deportivo, Antonio Catoira, mercou ao termo da temporada pasada unha cámara VEO de última xeración, coa que gravar os partidos dos seus equipos.
«Compramos a cámara a consecuencia do que nos estaba pasando cos árbitros», di Catoira. E que é o que estaba sucedendo? Pois, sinala o director deportivo, que en máis dunha ocasión o Vilagarcía SD se atopaba con que certos feitos recollidos na redacción da acta arbitral non se correspondían co que as persoas do club implicadas sostiñan que ocorrera realmente, derivando en sancións por riba do merecente no seu criterio, cando non en castigos por infraccións ou feitos punibles que afirman inexistentes.
Antonio Catoira recorda como maior exemplo do anterior o sucedido a temporada pasada durante un partido no que o presidente do Vilagarcía, José Vicente Abal, «entrou no campo para mandar un balón á zona dos banquillos. Eu era o delegado e o árbitro chamoume pedíndome que identificara a quen fixera aquilo. Cando o fixen, o noso presidente díxolle ao árbitro ‘Fai o teu traballo, que non fixen nada malo’. Logo na acta puxo que os dous o quixeramos agredir nese momento e que agardaramos por el á saída do vestiario coa mesma intención». O resultado foi a imposición de 6 partidos de inhabilitación para cada un deles.
O director deportivo conta que este tipo de diferenzas extremas entre o recollido en acta e o que, sosteñen no club, tería sucedido non é cousa destas dúas últimas temporadas, senón que «vén de anos anteriores». Así as cousas, o Vilagarcía decidiu mercar unha cámara VEO, con xiro de 360 graos e gravación automatizada seguindo o movemento do balón ou calquera parámetro que escolla o seu propietario, coma centrarse no colexiado. O obxectivo, dispoñer de probas videográficas fronte a testemuños arbitrais cos que discrepen. No caso do partido de Arcade, non foi posible porque, di Catoira, a cámara gárdase no almacén do campo de Berdón, ao que non teñen acceso neste momento por estar este en obras.