Os datos dos nosos móbiles equivalen a 320 veces a información que había la Gran Biblioteca de Alexandría e duplícanse cada dous anos
22 sep 2024 . Actualizado a las 09:59 h.Unha das maiores transformacións da sociedade humana ocorreu coa acumulación de datos das persoas a través de internet, máis ou menos desde 1983. É algo novo, desconcertante. O recoñecido investigador sobre tecnoloxía Kenneth Cukier (1968) cóntanos que no século III a. C. Tolomeo II de Exipto ordenou conservar un exemplar de cada obra escrita —rolos de papiro—, reunindo todos os saberes do mundo na Gran Biblioteca de Alexandría. A loxística tivo que ser incrible con emisarios na busca de libros por todo o mundo coñecido. Lémbranos tamén que cando Gutenberg inventou a imprenta en 1439 provocou que se imprimisen nos seguintes cincuenta anos uns oito millóns de libros, máis que os escritos en Europa durante os mil douscentos anos anteriores. Os libros facían crecer ao lector. Iso virouse coas novas tecnoloxías: internet nútrese do usuario. Ademais, os datos que temos ao noso dispor en cada curruncho mediante os teléfonos móbiles equivalen a trescentas vinte veces a información que había naquela Gran Biblioteca. Eses datos duplícanse cada dous anos e tal acumulación medra tan rápido que, agora mesmo, as persoas vense abafadas por ela.
Se comparo a miña vida escolar coa actualidade só me queda constatar que a dificultade era onde obter información —daquela escasa, cara e difícil de acadar—, pero o atranco dun neno actual é como seleccionar o enorme volume da que ten ao seu alcance, distinguir a necesario, separar a verdadeira da falsa. Cukier tamén nos lembra que «con esas cantidades inxentes de datos, resulta máis interesante encontrar o que, que o porqué das cousas». Máis datos non é máis coñecemento. Esa profusión inclúe datos de todos manexados, perigo, polas grandes plataformas privadas, mercantís, de internet: Google, Amazon, Meta, bancos, Telefónica… E, ademais, simplemente navegando pola rede cada un de nós continúa cebando o coñecemento dun, que esas multinacionais amorean con ánimo de lucro, a súa razón de ser.
Hai pouco, en Estados Unidos, un pai anoxado queixouse a unha destas compañías porque a súa filla adolescente recibía cupóns de desconto para roupa de bebé. Tivo que retirar a protesta cando soubo que a menor estaba embarazada e buscaba en webs vestimenta para nenos. No 2022, Meta —propietaria de Facebook ou Instagram— chegou a un acordo cuns usuarios que presentaron unha demanda colectiva contra ela por violarlles a súa privacidade compartindo datos persoais cunha empresa de investigación de mercados para facer máis eficaz a propaganda electoral. Pagoulles 725 millóns de dólares e unha multa enorme. Hai un tempo falouse, por exemplo, da desprotección dos traballadores autónomos indicando que aqueles con ingresos máis baixos son os que poñen moitas veces cada día, incluso nos censos para a Axencia Tributaria, os seus datos —domicilio, teléfono, vida laboral, número de conta bancaria, comida que consume, horarios ou preferencias de índole persoal— que despois encontraranse en ferramentas de busca. En contraste, cada vez é máis difícil atopar datos de grandes empresas.
Escravizados polas tecnolóxicas
As empresas tecnolóxicas escravizáronnos de forma que a nosa intimidade é delas. O íntimo, di o dicionario, é o que existe no máis profundo e interno dunha persoa. Pois agora non hai ningún aspecto da nosa existencia do que non quede rastro na internet e se empregue en beneficio desas compañías que teñen computadoras a relacionar permanentemente eses datos, sen que ninguén nos preparase para afrontar os riscos de quedármonos espidos fronte a ese poder económico. A tecnoloxía da información úsase en axexar aos cidadáns e saber todo deles para seguilos explotando. Pode que a xente do común teñamos perdida tamén esa guerra, na que, tantas veces, disparamos contra nós mesmos. Polo de pronto a intimidade ou matárona ou deixámola matar.