
O grovense subiu ao podio do maratón estándar e finalizou quinto na modalidade curta
13 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O padexeiro do Breogán Tono Campos pechou en China cunha nova alegría unha das súas temporadas máis longas. Un mes despois de acadar o subcampionato do mundo de C1 en maratón, onte colgouse a medalla de bronce na proba estándar da longa distancia na ICF Hangzhou Super Copa. Unha cita de nova creación que reuniu, por estrita invitación da Federación Internacional de Piragüismo, a varios dos mellores especialistas de diversas modalidades do deporte da pa, desde o sprint e o maratón ata o eslalon e caiac polo.
Campos completou os 17 quilómetros do C1 estándar tan só por detrás do húngaro Balazs Adolf e do pontevedrés Jaime Duro, prata. A xornada anterior, o grovense finalizara quinto na proba curta de maratón, despedindo o 2024 coa prata mundial e o ouro europeo no C1 e co bronce continental no C2 de maratón.