Avelino Barreiro: «Espero que poida volver coller a bici, porque 85 anos son moitos»
AROUSA
O veterano ciclista de Vilagarcía de Arousa, pendente dunha próxima consulta no traumatólogo, agradece a cantos se preocupan por el logo da partir un úmero esta semana
08 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O martes Avelino Barreiro rodaba por Baión dirección a Carril de volta de Caldas de Reis, o destino da súa quilometrada diaria en bicicleta. «Viña de camiño para casa de coller uns décimos nun bar na bicicleta de montaña», dinos desde o seu domicilio, onde se recupera da rotura do úmero do seu brazo esquerdo. Unha lesión da que non recorda ben a causa: «Collín por Portas e saín á xeral, ía coa catalina grande e non sei se me poría de pé, seguramente, ao mellor collín algún obstáculo e caín» non á cuneta, senón, relata, «contra o firme, do lado dos coches», sen que afortunadamente pasase ningún por ese preciso punto nese momento.
Máis de 30 anos leva practicando Avelino o ciclismo, unha paixón que chegou a resultar vital cando se xubilou e que o levou a contabilizar 20.000 quilómetros pedaleando nas súas bicicletas só no 2023. Un rexistro que, cos seus 85 anos, pretendía igualar neste 2024, pero que deberá quedar reducido aos preto de 12.500 quilómetros que puido facer logo de sufrir o 5 de abril outro accidente. «Abríronme a porta dun coche cando pasaba á súa altura en Dena e partín a clavícula e dúas costelas», recorda. Tamén que «recuperei bastante pronto, en xuño xa estaba de novo andando na bicicleta». Ata este martes.
Sempre botado para adiante e aferrado á súa paixón, Avelino amósase desta volta un tanto máis cauto. «Teño que ir o día 13 ao traumatólogo. Ao mellor téñenme que operar. Igual téñenme que poñer unha prótese», comenta co brazo esquerdo inmobilizado. Con todo, quere ser optimista: «Espero, espero que poida volver coller a bici, porque é un deporte moi bo para a cabeza». Iso si, «vou ter que coller unha bicicleta eléctrica; o corazón tira nas subidas, porque 85 anos son moitos».
Avelino aproveita a ocasión para «darlles as grazas a toda a xente que se preocupa por min». E non só fala da súa familia. Faino tamén de moitos dos que o recoñecen ao rodar polas rúas e estradas do Salnés e as comarcas de Caldas, do Barbanza e de Compostela e de cantos o seguen a través da aplicación ciclista da que é usuario, máis dun desde fóra de España,