Alberto Mariano: «Faláronme dun proxecto a 2 ou 3 anos, e a un adestrador ofrecerlle algo así éntralle polos ollos»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Miguel Souto

O novo técnico do Vilalonga traballará en dotar o seu novo equipo de armas para sacar os partidos con varios recursos e loa o Arousa antes da súa estrea no derbi deste domingo

13 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Chamáronme o domingo pola noite. Emprazámonos ao luns ao mediodía a medio camiño entre Santiago e Vilalonga, onde me vin co presidente e co vicepresidente do club, e pola noite pechámolo [...] Nin eu son Mouriño pedindo cartos, nin eles o Real Madrid. Son adestrador, e quero adestrar». Alberto Mariano tira de humor para resumir o acordo exprés que en 24 horas o devolveu ao mapa da Tercera RFEF. Máis aló da súa ansia por regresar ao exercicio da súa paixón, o santiagués di terse decantado por un proxecto irrexeitable: «Non coñecía a directiva. Falamos de como estaba o equipo e dixéronme que necesitan 2-3 anos asentados na categoría para mellorar a estrutura do club. Son xente que non está mirando para os oito próximos partidos, senón a moito más prazo. Cando alguén lle fala de traballar a medio ou longo prazo a un adestrador, éntralle polos ollos».

Alberto Mariano sabe ben o moito e bo que se pode conseguir enfocando un proxecto deportivo desde a perspectiva que lle ofrece o Vilalonga. Aí está o CD Estradense, o equipo que en dous anos subiu da Preferente á Tercera, asentándoo nesta última, categoría na que o dirixiu tres campañas; a segunda disputando promoción de ascenso. Hoxe, tres cursos despois da súa marcha, o Estradense avanza na zona nobre da clasificación, na que permaneceu seis semanas consecutivas como líder ata o pasado domingo cun cadro de xogadores que, «agás cinco ou seis, son os mesmos que fomos reunindo» durante a súa etapa na Estrada, sinala Mariano.

Vese facendo algo semellante co Vilalonga? O compostelán semella telo claro: «É unha zona bonita. Podes picar en Vilagarcía, en Pontevedra, en Vigo, en Padrón... Saen moitos futbolistas. Non parece difícil estabilizar o equipo na Tercera se aguanta o tirón eses dous primeiros anos». Porque, a partir de aí, comenta o novo responsable do vestiario celeste, «xa entendes que demanda a categoría, e os futbolistas xa non hai que buscalos, véñente buscar a ti».

Antes de chegar a este punto, toca sacar do pozo a un Vilalonga penúltimo con só 6 dos 30 puntos xogados. «Todas as semanas vía 2-3 partidos en directo e moitos máis en diferido. En moitos momentos o Vilalonga non tivo sorte. Pero cando estás abaixo é por algo. Cando estivo ben o equipo, non acabou de acertar», opina Mariano, que salienta o talento do seu novo cadro de xogadores. A súa función, declara, será «darlles as armas e os recursos para que saquen os partidos adiante con varios perfís, porque cada partido ten varios partidos. Se o rival, o campo ou a climatoloxía non che deixan facer o teu plan inicial, hai que poder cambialo».

«O Arousa está desubicado, para min é equipo de 2.ª RFEF»

Alberto Mariano debutará á fronte do Vilalonga no derbi co Arousa o domingo no Novo San Pedro. Un Arousa ao que, en contra do que algún poida crer, non garda o menor rancor polo polémico partido na Lomba da promoción 2020/21, saldado coa eliminación do Estradense na prórroga. «Téñolle moito cariño ao Arousa. Vou moito á Lomba e manteño moi boa relación con afeccionados do equipo», desvela. Para o novo técnico celeste o cadro vilagarcián «está desubicado, para min é equipo de Segunda RFEF». É por iso que non ten reparo en sinalar: «Inda que os meus xogadores son os mellores do mundo, o Arousa ten máis talento». Dito isto, engade: «O fútbol é marabilloso porque equipos con menos recursos son quen de plantarlle cara a rivais con máis recursos. Poden levar os partidos a contextos nos que se igualan».