A Illa fai unha enquisa entre a veciñanza para coñecer a demanda «real» de vivenda
AROUSA

O Concello quere dispoñer de datos ante a previsión do Goberno de construir 70 vivendas sociais no municipio
18 ene 2025 . Actualizado a las 14:12 h.O Concello da Illa vai realizar unha enquisa entre os seus veciños para coñecer a demanda de vivenda no municipio «para poder intervir máis axustadamente na promoción e construción de vivenda», segundo explican desde a alcaldía.
A enquisa pode formalizarse a través dun código QR, é anónima e non implica ningún compromiso por parte da persoa que o faga. «O único que pedimos é que se responda con total sinceridade, para así detectar as necesidades reais», abunda o alcalde, Luis Arosa. O cuestionario inclúe preguntas sobre se a vivenda que se prefire sería para aluguer ou compra, a renda persoal e sobre as características de prezo, espazo e destino do inmoble.
Esta iniciativa xurde logo de coñecerse os plans do Goberno central de promover a construción de vivenda pública na Illa. En concreto, 70 vivendas que se levantaría na avenida da Ponte, nos terreos que o Plan Nacional sobre Drogas adquiriu logo de ser confiscados ao narcotraficante Marcial Dorado e que o Concello vén de comprar por 361.000 euros. Con esta cantidade, que abonarase ao longo de sete exercicios, mercou, ademais dos terreos da avenida da Ponte, outros en Testos e en Outeiro, nos que se está previsto construír un parque forestal e un pavillón de deportes.
As xestións que está a realizar o goberno local chegan logo da polémica xurdida na Illa en relación coas vivendas turísticas. O Concello gravou a taxa do lixo que se aplica a esta vivendas alegando que se trata dunha actividade económica, o cal desatou a protesta dos propietarios e levou a Asociación de Vivendas Turística sde Galicia a anunciar que recorrerá ao xulgado. O PP, pola súa banda, aposta por este modelo de aloxamento turístico.