O cartel do Curtas de Vilagarcía codéase cos dos festivais de Cannes ou de Venecia entre os 65 mellores do mundo

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A web FestivalinLA.com elixe o traballo de Flavio Greco para o certame galego entre os deseños máis brillantes do ano 2024 das citas a concurso da séptima arte

30 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A proxección internacional do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa vén de sumar un novo altofalante, e dos potentes. FestivalinLA.com, web americana especializada no mundo do cinema, incluíu o cartel do certame vilagarcián entre os 65 mellores do mundo, peneiradas dunha escolma previa de medio milleiro de pósters oficiais de festivais da sétima arte, sen distinción de xénero.

Na listaxe dos mellores, a cargo do crítico José Alberto Hermosillo, aparecen os carteis de varias das citas que compoñen o Olimpo dos concursos de cinema, tanto de autor coma da grande industria. Falamos do deseño de cabeceira da 81.ª Mostra Internazionale D'Arte Cinematografica La Biennale di Venezia (A Bienal de Venecia), coa entrada triunfal dun grandioso elefante montado por unha dama a cargo de Lorenzo Mattotti, do da 74.ª Berlinale, coa representación do seu icónico oso da man de Claudia Schramke, do do 77.ª Festival International du Film de Cannes, coa potente fotografía tomada da Rapsodia en agosto de Akira Kurosawa, cunha imaxe de catro nenos e a súa avoa sentados nun banco contemplando o val onde explotou a bomba atómica en Hiroshima, deseñado por por Hartland Villa (Lionel Aviñon, Stefan de Vives); tamén do póster do 62.º New York Film Festival, con David Byrne retratando a rica diversidade da sociedade estadounidense condensada no patio de butacas dunha sala de cine ou o do 28.º Bucheon International Fantastic Film Festival de Corea do Sur, con Park Si-young plasmando a emerxencia da IA (intelixencia artificial), xerando imaxes de estanterías con motivos no seu interior que representan cada ano da historia do festival conectado a un corpo humano. E entre todos estes xigantes do mundo dos festivais, o deseño do arxentino Flavio Greco Paglia para o Curtas vilagarcián, acompañado na selección de Hermosillo co cualificativo de «espléndida imaxe» representando a unha das grandes creacións da historia da cultura da ciencia-ficción, o Cthulhu de H.P. Lovecraft. No cartel do certame, co seu corpo humanoide alado, cabeza de polbo e tentáculos arredor da boca atacando un barco da Royal Navy ante a ollada aterrada de dous mariñeiros galegos, nun guiño á historia compartida da Armada británica e Vilagarcía de Arousa xunto ao ser que, o ano pasado, se converteu na imaxe oficial do Curtas. 

O autor da escolma explica que as súas 65 eleccións «son unha colección de deseños excepcionalmente creativos e imaxinativos que superan as expectativas, obras excepcionais que serían unha excelente incorporación a unha colección privada, a unha exposición nun museo ou a unha publicación de ampla distribución».

Novo recoñecemento mundial

O recoñecemento ao cartel de Flavio Greco súmase á inclusión do Curtas entre os cen mellores certames de cinema do 2024, neste caso dos de xénero fantástico e de ciencia-ficción, na listaxe de referencia que desde hai unha década elabora o director, guionista e crítico de cine romanés Adrian Tofei.

O director do Curtas, Luis Miguel Rosales, referiuse onte aos dous recoñecementos internacionais nestes termos: «Sempre é bo que valoren o traballo que facemos, con medios escasos».

Aberto o prazo de presentación de obras para unha edición 2025 xa con datas

A edición do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa 2025 xa ten datas: do 24 de outubro ao 2 de novembro. En paralelo, os seus responsables veñen de abrir o prazo de presentación de traballos para as súas seccións oficiais de longametraxes e de curtas. Poderá participar toda obra de calquera nacionalidade, cuxa data de produción estea comprendida entre o 2024 e o 2025 e non fose proxectada antes en Galicia. Os envíos deben facerse a través das plataformas festhome.com e filmfreeway.com.