Gara Jorge e Aminata Traore lideraron o cadro vilagarcián ante o Romakuruma UE Mataró (75-50)
04 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Non era o Romakuruma UE Mataró un equipo menor. De feito, o cadro catalán chegaba na tarde do domingo ao Pavillón Municipal Sara Gómez de Fontecarmoa como un dos catro equipos que foran quen de derrotar o Mariscos Antón Cortegada nesta temporada. E pinta tivo de poder volver facelo cando, chegados ao descanso, o electrónico marcaba un axustadísimo 31-30 a prol do conxunto que dirixe Álvaro Fernández. Pero todo virou á volta do paso intermedio por vestiarios, finalizando cunha contundente vitoria local: 75-50.
O Cortegada foi moi superior nos dous últimos cuartos, gañando o terceiro cun parcial de 21-6 e o cuarto e último por 23-14. Unha demostración de forza na que tiveron que ver moito o poderío reboteador de Gara Jorge, que con 13 capturas, estableceu o rexistro máis alto da xornada de Liga, asinando un dobre-dobre con 14 puntos; e a consistencia baixo aros de Aminata Traore, autora de 16 puntos e de 9 rebotes, ademais de recibir 5 faltas. Ambas as dúas foron as xogadoras con maior valoración do partido: 19.
O resultado permítelle ao Cortegada continuar segundo clasificado do Grupo B cun balance de 11-4, o mesmo co do Baloncesto León, terceiro, e a tres vitorias do líder, Bosonit.