Leyre Villamediana proclámase campioa galega júnior de judo en menos de 63 quilogramos
AROUSA
![](https://img.lavdg.com/sc/MZz1F9lpFZenIPNmxMODJRIOpvc=/480x/2025/02/04/00121738692962229459189/Foto/AF5C6F2_191518.jpg)
A arousá buscará na Fase Sector Oeste o pase ao Campionato de España
05 feb 2025 . Actualizado a las 09:23 h.Leyre Villamediana, deportista do Judo Club Pontevedra e integrante do seu ximnasio arousán asociado, o Gimnasio Squash Vilagarcía, proclamouse o pasado domingo no Polideportivo Municipal do Ensanche de Ferrol campioa galega júnior de judo na categoría de menos de 63 quilogramos. Fíxoo ademais con suma autoridade, sen lle dar a menor oportunidade a ningunha das rivais que foi atopando no camiño, ás que se impuxo por ippon.
A actuación supón unha inxección de moral para a deportista arousá, logo dun 2024 moi duro a nivel persoal e deportivo por unha lesión nun xeonllo. Un golpe que, sinalan desde o Judo Club Pontevedra, «ha fortalecido y estimulado todavía más su deseo de competir y estar en lo más alto del podio». Neste caso, conseguindo o pase á Fase Sector Oeste, chave para o Campionato de España Júnior de Judo.
O judo arousán contou o domingo no pavillón de Ferrol ademais coa participación de David Fernández, pero o tamén pupilo de Fran Miguéns caeu derrotado xa na primeira rolda no cadro masculino de menos de 66 quilogramos.