O PP da Illa sinala que a solución á falta de vivenda pasa polo PXOM, non por enquisas
AROUSA

O grupo da oposición cualifica o sondeo feito polo Concello de «fogos de artificio» e non cre as promesas de que se van construír 70 vivendas socias na avenida da Ponte
08 feb 2025 . Actualizado a las 14:54 h.Un día despois de que o alcalde da Illa, Luis Arosa, fixera públicas as conclusións sobre unha enquisa que está a realizar o Concello entre a poboación para coñecer a demanda que hai de vivenda pública no municipio, o Partido Popular emitiu nun comunicado no que cualifica estas medidas de «fogos de artificio» e pide «solucións reais».
Unhas solucións que, a xuízo do grupo da oposición, pasa polo desbloqueo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) «cuxas condicións impiden edificar a centos de veciños propietarios de parcelas». O vicevoceiro dos populares, Miguel Paz, considera «surrealista» que o goberno local recorra a unha sondaxe para constatar os problemas de vivenda que rexistra o municipio.
«Nestas últimas semanas, de súpeto, entroulles unha preocupación desbordada pola vivenda, pero cremos que é impostada porque non están centrándose no foco do problema. Están a prometer unhas 70 vivendas sociais da man do Goberno de España que ninguén cre que as vaian construír, fan viaxes a Madrid e están facendo unha enquisa, cando as solucións pasan exclusivamente por poder construír nas parcelas dos propios veciños e que actualmente non poden polas fortes restricións das áreas de reparto».
Miguel Paz lembra que o PP incluíu no seu programa electoral de 2023 a execución de modificacións puntuais no PXOM para cambiar a cualificación do solo de moitas áreas de reparto, o que liberaría o terreo das prohibicións actuais e daría solución a gran parte do problema da vivenda. «O planeamento urbanístico contempla 79 áreas de reparto e o seu desenvolvemento é moi baixo —por debaixo do 20%? polos innumerables problemas que dá, pero, sobre todo, porque inclúen catalogacións de infraestruturas e equipamentos que non se van facer e que bloquean a construción de vivendas», explica o PP.