A Deputación informa das súas liñas de axudas para organizar eventos deportivos
AROUSA

O presidente provincial, Luis López, detallou as posibilidades a representantes do deporte do Salnés no campo municipal da Senra de Ribadumia
27 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acudiu na tarde de onte ao Campo Municipal da Senra, en Ribadumia, no que mantivo un encontro con representantes do tecido deportivo da bisbarra do Salnés. O mesmo día da publicación das bases das axudas para a organización de eventos deportivos de interese turístico, dotadas con 100.000 euros, Luis López detallou as diferentes liñas de apoio do ente provincial a clubs, asociacións e federacións para o desenvolvemento de diferentes citas deportivas na provincia. Partidas que roldan os 800.000 euros e que están sendo activadas no prazo dunha semana, explicou.
O presidente da Deputación centrouse en informar os presentes sobre as dúas últimas que veñen de ser aprobadas pola súa Administración, con 670.000 euros dispoñibles en conxunto para os seus potenciais beneficiarios. Comezando pola maior por contía económica, para clubs da provincia de Pontevedra e federacións, tanto galegas como españolas, que organicen competicións ou eventos deportivos en Pontevedra durante o presente ano, e dotada con 550.000 euros, cun incremento de 50.000 respecto ao 2024. Dentro deste capítulo, López explicou a posibilidade de acollerse a dúas liñas diferentes. A 1, para competicións federadas oficiais de eido estatal ou internacional e competicións ou eventos deportivos de eido internacional de alto impacto, dotada de 300.000 euros. E unha Liña 2, con 250.000 euros, para o desenvolvemento de competicións oficiais e non oficiais de calquera eido territorial non incluídas na Liña 1. Nesta última, coma novidade, os 50.000 euros de incremento sinalados respecto ao 2024 e o incremento da axuda máxima que cada beneficiario pode recibir, pasando dos 6.000 aos 12.500 euros este ano. O diñeiro poderá ser destinado ao pago de gastos federativos, de viaxe, de organización, publicitarios, sanitarios, de material e para premios.
Paquete novo
Na Senra, Luis López tamén lles presentou aos axentes deportivos da comarca unha nova liña de axudas, neste caso ofertadas para o financiamento da compra de bens para os participantes en eventos deportivos realizados na provincia ou para servizos para os mesmos. Cun orzamento de 120.000 euros e cunha axuda máxima por beneficiario de 1.000, poderáse solicitar, detallou, ben para a adquisición de bens para agasallar ou recoñecer os participantes nos campionatos ou probas, como medallas, trofeos, camisetas ou material promocional, ben para contratar servizos necesarios para a organización do evento deportivo en cuestión, como asistencia sanitaria, arbitraxe ou retransmisión.
O mandatario provincial salientou que «nunha soa semana estamos activando case 800.000 euros en axudas para contribuír á organización de eventos deportivos nesta provincia, que é a nosa». Fíxoo Luis López acompañado no Campo Municipal da Senra polos deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola e mais polo alcalde de Ribadumia, David Castro, que exerceu de anfitrión do acto de presentación.