Tafa Kanteh pasará por quirófano e o Arousa busca un relevo para el no centro da defensa

AROUSA

Cunha rótula rota, só chegaría para xogar a hipotética fase de ascenso
26 feb 2025 . Actualizado a las 21:42 h.Finalmente, Tafa Kanteh deberá pasar por quirófano. Faráo este venres, ás dez da mañá, no Hospital Quironsalud Miguel Domínguez de Pontevedra, onde se lle practicará unha intervención para reparar a fractura que semana e media atrás sufría na rótula da súa perna esquerda durante a disputa do partido de Liga entre o Arousa e o filial do CD Lugo, o Polvorín.
Por diante, entre dous meses e medio e tres de recuperación, «dependiendo de la evolución de la lesión», informa Dani Abalo, director deportivo do Arousa. Un prazo que sitúa de partida o regreso do central de Mataró coa Liga rematada e a posibilidade de axudar tan só na hipotética participación do conxunto vilagarcián na fase de ascenso á Segunda RFEF se, finalmente, non consegue un a día de hoxe moi complicado título e o seu salto de categoría coma premio asociado.
Nesta tesitura, o Arousa encara o longo camiño inda por diante ata a conclusión da temporada con só tres centrais: Samu Santos, Dani Sánchez e Pacheco, este último, con outras dúas xornadas máis inda por diante antes de poder volver recuperado da súa lesión.
Así as cousas, Dani Abalo desvela que o club arlequinado está buscando no mercado un central que supla a Tafa Kanteh, incorporado hai un mes no treito final do mercado de inverno para taponar a sangría dunha defensa demasiado branda. O feito de ter xogado a totalidade dos minutos nos seus catro partidos no equipo vilagarcián dá fe da importancia que o catalán tiña na armazón do Arousa. A cuestión, salienta o director deportivo do club, é que «va a ser muy difícil encontrar algo», en tanto unha vez pechado o mercado ordinario, os equipos de categoría nacional tan só poden contratar futbolistas en paro con ficha profesional.
A tres días da visita ao líder do grupo galego da Tercera RFEF, a UD Ourense, 8 puntos por riba do Arousa, e co ánimo e a ilusión do pleno de dúas vitorias asinadas polo cadro arlequinado con Perú á fronte, Dani Abalo salienta a importancia superlativa do vindeiro encontro para o seu equipo: «Nos jugamos muchísimo. Nos podemos acercar un poco. Somos realistas. Está complicado —chegar a rematar campións—, pero queremos engancharnos. Ganando seguiríamos estando lejos —5 puntos—, pero un poquito más cerca».